Concello e Deputación colaboran coa APIG na integración social de 250 familias lucenses de etnia xitana

Ana González e Sonsoles López mantiveron este xoves un encontro coas persoas usuarias deste colectivo para coñecer in situ os resultados das varias colaboracións que acadaron os 20.000 euros este ano

Estes fondos permitiron a realización dun programa formativo sobre albanelería que fixo posible a rehabilitación de 7 vivendas por parte dos propietarios; e manter no local social da APIG unha intensa actividade de axuda, orientación ou formación

Centos de veciños e veciñas de etnia xitana de todas as idades recibiron axudas para a compra de material escolar, actividades de reforzo educativo, cursos de alfabetización dixital, do carné B1 de conducir...; asesoramento sobre servizos sanitarios, solicitudes de subvencións, requisitos para percibir de prestacións como o RISGA...

Xoves, 23 de novembro de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Concello e Deputación colaboran coa APIG na integración social de 250 familias lucenses de etnia xitana

A Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Inclusión, Ana González Abelleira, e a  Deputada de Benestar e Igualdade, Sonsoles López, mantiveron este xoves un encontro con usuarios da APIG (Asociación de Promoción e Integración Xitana), xunto ás traballadoras deste colectivo, Tamara Caloto e Ana López. Fixérono para coñecer de primeira man os resultados das varias colaboracións que manteñen Concello e Deputación de Lugo coa APIG para mellorar a integración e a calidade de vida de 250 familias lucense de etnia xitana, que na súa maioría residen na capital da provincia.

Estas colaboracións coa Asociación de Promoción e Integración Xitana, que ascenden aos 20.000 euros ao ano por parte de ambas as dúas institucións, permitiron durante 2017 que este colectivo mantivese nun local social, cuxos custos correntes sufraga na súa totalidade o Concello de Lugo, unha intensa actividade de axuda, orientación ou formación para centos de familias. Por exemplo, ofreceron colaboracións para a compra de material escolar, actividades de reforzo educativo, cursos de alfabetización dixital, do carné B1 de conducir...; asesoramento sobre servizos sanitarios, solicitudes de subvencións, requisitos para percibir de prestacións como o RISGA...Un dos programas máis significativos, que financia o Goberno da Deputación, é o Programa de Rehabilitación de Vivendas, que permitiu este ano a rehabilitación de 7 vivendas por parte dos seus propios propietarios tras recibir formación profesional para facelo. Destes traballos, beneficiáronse os 50 veciños que residente nestes pisos.

Programa de Rehabilitación de Vivendas

Deste xeito, para desenvolver este programa, o Goberno da Deputación financiou a contratación dun monitor de albanelería, que formou, dirixiu e coordinou a familias de etnia xitana para que puidesen realizar os traballos de reforma das súas vivendas. Isto permitiulles levar a cabo as seguintes actuacións: substitucións e arranxos de portas; acondicionamento de baños; colocación de tarimas flotantes ou plaquetas, renovacións de instalacións eléctricas ou repintado de paredes, entre outras. En total, rehabilitáronse 7 pisos nos que viven preto de 50 persoas, mellorando as condicións de habitabilidade de todas estas familias lucenses.

As familias xitanas xeralmente son moi numerosas pois seguen a casar moi novos e por conseguinte non teñen un sustento económico para poder comprar ou alugar unha vivenda. Isto conleva que teñan que convivir cos seus familiares, acadando unha media de 5 membros por unidade familiar o que produce que moitas veces as condicións das vivendas estean máis deterioradas do habitual.

Actividades da APIG este ano

A Asociación de Promoción e Integración Xitana, que é unha entidade sen ánimo de lucro fundada en 1983, puido prestar este ano, nas instalacións que lle sufraga o Concello de Lugo, atención a preto de 250 familias de toda a provincia. Por exemplo, orientación para que as familias conten coa tarxeta sanitaria, información sobre os requisitos para a percepción do RISGA; así como asesoramento para solicitar calquera tipo de axuda pública, ente outros. Impartiron a máis de 30 usuarios cursos do carné de conducir B, de alfabetización dixital, de competencias lingüísticas e matemáticas. Fomentaron a educación infantil e secundaria a través de clases de reforzo, seguimento da escolaridade, colaboración na adquisición de material ou realización de obradoiros e saídas culturais. A asociación conta na súa plantilla con 2 traballadoras sociais e 1 profesor.

Noticias relacionadas