A Escola Lucense de Xadrez, coa que colabora o Concello, celebra o seu vinte aniversario cun variado programa de actividades

Miguel Fernández, Ana González Abelleira, Pablo Rivera e Pablo Castro presentaron estas actividades, que terán lugar durante os meses de setembro, outubro e novembro

O programa de actividades contempla xadrez na rúa, campamento xaque mate, torneo Scacorum de Xadrez, xadrez en igualade e xadrez na escola

Luns, 05 de setembro de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A Escola Lucense de Xadrez, coa que colabora o Concello, celebra o seu vinte aniversario cun variado programa de actividades

O Concelleiro de Deportes e Medio Rural, Miguel Fernández, a Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Inclusión, Ana González Abelleira, o Deputado de Deportes, Pablo Rivera, e o Presidente da Asociación Cultural Xaquedrum, Pablo Castro, presentaron estes luns no Salón de Plenos os actos conmemorativos polo XX Aniversario da Escola Lucense de Xadrez, que se celebrarán durante os meses de setembro, outubro e novembro.

Miguel Fernández agradeceu e felicitou á escola “polo importante traballo que leva realizando nos 20 anos de funcionamento, facendo actividades para promover a práctica do xadrez entre toda a poboación”. Neste senso, o edil resaltou os beneficios que aporta o xadrez, como incentivar a axilidade mental, mellorar a capacidade de raciocinio, a atención e a concentración, ou permitir socializarse. Fernández tamén animou a todos os lucenses a que participen nestas actividades.

Nesta liña insistiu Pablo Rivera, quen tamén felicitou á escola polo seu aniversario, destacando “as cuestións que implica o xadrez, como axudar a acadar máis axilidade mental”, polo que puxo en valor estas actividades, coas que seguirán colaborando dende a Deputación, como fai o Concello, tal e como anunciou o deputado.

Ana González Abelleira destacou “a traxectoria desta escola lucense, que lle dá visibilidade ás mulleres, xa que o 30% das licenzas federadas nela son mulleres, ademais seguiran contando con todo o apoio da Área de Igualdade, especialmente por organizar un evento que conta coa participación de Sabrina Vega, que é subcampiona de Europa”.

Pola súa banda, Pablo Castro agradeceu a colaboración que lles prestou sempre o Concello e a Deputación, dentro destas actividades, que contemplan o Xadrez na rúa, o Campamento xaque mate, o Torneo Scacorum de Xadrez, Xadrez en igualade e Xadrez na escola. Tamén lembrou que unha vantaxe do xadrez é que pode participar toda a poboación, xa que é unha actividade deportiva familiar.

Actividades
As actividades arrincarán o 5 de setembro co Xadrez na rúa, que se realizará na Praza Maior ata o 4 de outubro, de luns a venres. Outra das actividades é o Campamento Xaque mate, ata o 9 de setembro, destinado a uns cincuenta nenos e nenas de 4 a 14 anos nas instalacións do colexio Illa Verde. Seguiralle o Torneo Scacorum de Xadrez, que repartirá 1.400 euros en premios os días 23, 24 e 25 de setembro.

Dentro do xadrez en igualdade, haberá unha visita da subcampiona de Europa, o 4 de outubro ás 12:00 horas, quen manterá un encontro con escolares do colexio Illa Verde e ás 18:00 horas xogará unha partida simultánea na Praza Maior. O xadrez na escola levarase a cabo en varios centros de ensino da cidade durante os meses de setembro, outubro e novembro. Ademais, a finais de setembro e en colaboración co xornal El Progreso faranse unhas unidades didácticas.

Noticias relacionadas