A Festa da Xuventude será ‘en pantuflas’ polo confinamento e contará coa música en directo do Dj lugués Marcos Peón

Luns, 04 de maio de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A Festa da Xuventude será ‘en pantuflas’ polo confinamento e contará coa música en directo do Dj lugués Marcos Peón

O goberno de Lara Méndez, a través da área de Xuventude que dirixe Ana G. Abelleira, anima aos mozos e mozas de Lugo a celebrar a Festa da Xuventude en pantuflas, é dicir, desde a casa, pero mantendo a música en directo. 

O Dj lugués Marcos Peón será o encargado de poñer o ritmo ao evento, que terá lugar o vindeiro 16 de maio ás 22:00 horas, en directo no Facebook do Concello.

“Nesta ocasión, ante a imposibilidade de realizar actos a pé de rúa pola pandemia do coronavirus, decantámonos polo formato dixital, ao que está xa moi afeita a mocidade”, comentou a edil, quen animou aos mozos e mozas a participar “xa que temos que manter o optimismo e a unidade nesta complicada situación”

O Dj lugués Marcos Peón, productor musical, tamén compartiu cabina con destacados Dj´s do panorama electrónico mundial, ten as súas espaldas máis de 20 anos de experiencia en cabinas e é un dos deejays galegos máis internacionais, recorrendo gran parte da xeografía española coas súas enérxicas sesións.

A esta alternativa, hai que sumarlle outras dúas que a Casa da Xuventude puxo en marcha nas súas redes socias. Por unha banda, unha galería de fotos de receitas de almorzos, xantares, ceas ou postres (dado que a programación destas instalacións contempla sempre obradoiros de cociña).

E por outra banda, a Casa da  Xuventude propón un reto virtual para aliviar o confinamento á mocidade, #Canto,ImitoEParodioNaCuarentena. A proposta consiste nun reto semanal, que se lanzou a través do perfil do facebook da Casa da Xuventude de Lugo (facebook.com/xuventudeLugo) que trata de buscar a distracción das e dos mozos neste momento tan complicado, e incitar a usar a súa creatividade e inxenio nos seus domicilios ao tempo que se entreteñen.

Noticias relacionadas