Lara Méndez abre en Fitur as portas da cidade ao turismo internacional porque “Lugo non é só para coñecelo, é tamén para vivilo”

A alcaldesa destaca que o Concello apostará este ano por internacionalizar Lugo e por situar o Camiño Primitivo no eixo das accións municipais tendo en conta a proximidade do vindeiro Ano Santo 2021

A edil de Xuventude, Ana González Abelleira presentaba hoxe a XIX edición do Arde Lucus á que o resto touroperadores enxalzaron por acadar en só 18 anos a súa declaración como Festa de InterésTurístico Nacional

Xoves, 23 de xaneiro de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez abre en Fitur as portas da cidade ao turismo internacional porque “Lugo non é só para coñecelo, é tamén para vivilo”

Lara Méndez, presentaba hoxe ao mercado internacional de Turismo a riqueza histórica, cultural, natural e gastronómica de Lugo.

“O noso concello goza dun gran potencial turístico grazas ao extenso patrimonio que posuímos. Un basto paisaxe natural e tamén cultural capaz de aglutinar recursos mediambientais, artísticos e arquitectónicos cunha identidade propia que, ano tras ano, incrementa o seu atractivo entre os visitantes de todo o mundo”, subliñou Lara Méndez.

Durante a presentación das dúas campañas que Lugo levaba a Fitur, Lara Méndez estivo acompañada polas edís de Xuventude, Ana Abelleira, e de Cultura, Maite Ferreiro, ás que agradeceu, así como aos departamentos que dirixen, o labor desempeñado, xunto ao do resto da Corporación, na repercusión e boa imaxe que ten a cidade a nivel turístico.

A rexedora sinalou que acudiron ao encontro con dous obxectivos claros. “Por unha banda, buscar a proxección e consolidación do noso municipio como destino innovador, líder, sostible, diferenciado e de calidade e, pola outra, desestacionalizar o turismo apostando, para iso, por dúas accións: situar o Camiño Primitivo no eixo das actuacións previstas para este ano, aproveitando a proximidade do vindeiro Ano Santo 2021 e internacionalizar Lugo a través da cita que, dende hai 19 anos, supón a volta aos nosos orixes romanos e castrexos co Arde Lucus”, referiu Méndez.

Catro días de celebracións que xa acadaron, en menos de dúas décadas, o que outras rexións tardan séculos en conseguir: que unha festa de recreación histórica sexa declarada de Interés Turístico Nacional, seducindo en cada edición a máis de medio millón de persoas para que veñan a compartir coas e cos lucenses a vida de hai 2.000 anos.

A alcaldesa tivo tamén palabras para poñer de manifesto a importancia de Lugo como destino gastronómico de alta calidade e como exemplo de turismo accesible “tal e como se vén recoñecendo e premiando”.

“Fitur é sen dúbida, un dos mellores escaparates para amosar ao mundo o noso modelo de turismo, un modelo que aposta polo desenvolvemento sostible en favor do medio ambiente, da diversidade cultural e da integración real, e unha gran oportunidade tamén para demostrar que, guiados pola responsabilidade social, cando dende o Concello de Lugo poñemos en valor todos os nosos recursos, estamos a traballar tamén a prol da dinamización económica e apostando pola preservación dos nosos valores de identidade e convivencia”, concluíu Lara Méndez.

Durante o seu paso por Fitur, a delegación luguesa, acompañada dunha pequena representación de colectivos romanos e castrexos, manterá reunións con touroperadores estranxeiros e empresarios de recreación histórica.

Audio

  • A alcaldesa Lara Méndez, sobre a presentación do Arde Lucus, en Fitur | Descargar mp3

Multimedia

  • Lara Méndez abre en Fitur as portas da cidade ao turismo internacional porque “Lugo non é só para coñecelo, é tamén para vivilo”
  • Lara Méndez abre en Fitur as portas da cidade ao turismo internacional porque “Lugo non é só para coñecelo, é tamén para vivilo”
  • Lara Méndez abre en Fitur as portas da cidade ao turismo internacional porque “Lugo non é só para coñecelo, é tamén para vivilo”

Noticias relacionadas