Lara Méndez acompañou a Diego As na última pincelada do graffiti de Julio César, “que é xa unha obra icónica de Lugo”

A alcaldesa lucense avanzou que a área de Xuventude, co edil Mauricio Repetto ao fronte, traballa agora nunha obra “que represente tamén ao noso pasado castrexo”.

A rexedora puxo en valor “todos os traballos dos artistas urbanos que embelecen a cidade e cos que o Goberno local vimos traballando desde o ano 2009”.

Sábado, 24 de xullo de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez acompañou a Diego As na última pincelada do graffiti de Julio César, “que é xa unha obra icónica de Lugo”

O graffiti de Julio César que lembra o pasado romano da cidade, pintado nun muro de 20 metros de alto e que mira desde a súa atalaia á Muralla de Lugo, está xa finalizado na súa totalidade. A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e o concelleiro de Xuventude, Mauricio Repetto, concellería que impulsou a obra con motivo do Arde Lvcvs, acompañaron ao seu autor, Diego As, campión de España de graffitis, na última pincelada.

A rexedora felicitou ao artista por crear unha “verdadeira obra de arte que se converteu, incluso antes da súa finalización, nunha imaxe icónica de Lugo, e que está a dar a volta ao mundo a través das redes sociais impulsando e dando a coñecer o noso pasado romano, o que nos identifica como pobo”.

Lara Méndez lembrou que o Goberno local leva impulsando a arte urbana desde hai doce anos, desde o 2009, como “unha forma de expresión que non só embelece a cidade, senón que nos permite enxalzar ideas, valores e colectivos, e xa tardaba unha obra vinculada co noso pasado romano”.

Nesta liña, a alcaldesa de Lugo avanzou que a área de Xuventude está agora a traballar para que “o noso pasado castrexo ocupe tamén o espazo que lle corresponde na arte urbana cun graffiti de alto nivel. Estamos vendo xa propostas e valorando espazos para tal fin”, sostivo.

Ademais, tanto a rexedora como o concelleiro de Xuventude puxeron en valor o programa Urban Cores, “co que non só estamos fomentando a arte urbana e contemporánea senón que ten unha importante compoñente social xa que permite achegala á mocidade en risco de exclusión social a través da súa formación e participación nos traballos”.

Noticias relacionadas