Lara Méndez celebra o 10º aniversario de Executivas de Galicia polo seu papel para visibilizar a relevancia das mulleres profesionais

A rexedora aproveitou o encontro, ao que asistiron numerosas emprendedoras lucenses, para felicitar á presidenta da asociación, Carla Reyes, por toda unha década tecendo redes de apoio feminino co fin de loitar pola igualdade.

Venres, 25 de xuño de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez celebra o 10º aniversario de Executivas de Galicia polo seu papel para visibilizar a relevancia das mulleres profesionais

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez asistiu esta tarde, en Santiago, ao 10º aniversario da asociación Executivas de Galicia, unha entidade integrada por 250 socias. O acto, que reuniu a profesionais galegas de referencia en diferentes sectores, pretende poñer en valor o papel da muller no ámbito empresarial.

“Unha carreira de fondo á que cómpre visibilizar para recoñecer a actividade de tantas e tantas mulleres que ademais de desenvolver unha traxectoria de gran éxito profesional contribúen co seu esforzo a acadar unha equidade real para lograr a supresión dos teitos de cristal en todos os eidos, especialmente no económico onde, grazas a ese labor silencioso, o empoderamento feminino goza de voz propia”, subliñou a alcaldesa.

Lara Méndez, que aproveitou o encontro para felicitar á presidenta da Asociación, Carla Reyes, “por toda unha década tecendo redes de apoio feminino co fin de loitar pola igualdade”, destacou tamén a presenza de moitas empresarias lucenses “o que, unha vez máis, demostra que en Lugo hai moito talento, que as lucenses, como a nosa marca indica, somos Mulleres con Forza, valentes e emprendedoras e hoxe así se traslada publicamente a toda a sociedade galega”.

Noticias relacionadas