Lara Méndez certifica o excelente comportamento das crianzas lucenses e insta a Papá Noel e aos Reis Magos a cumprir os seus desexos

A área de Alcaldía iniciou hoxe o reparto de máis de 15.000 cartas nas que as e os máis pequenos poderán deixar constancia das súas peticións persoais e para a cidade.

As misivas foron entregadas esta mañá nos centros escolares da capital e estarán tamén dispoñibles no Mercado de Nadal e na Casa Consistorial, onde se atopan as caixas de correo para entregalas.

A rexedora continúa, así, cunha iniciativa xurdida trala pandemia coa que quere poñer en valor “a alegría e forza que os nenos e nenas demostran cada día a pesar dos complexos momentos que estamos a vivir”.

Luns, 19 de decembro de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez certifica o excelente comportamento das crianzas lucenses e insta a Papá Noel e aos Reis Magos a cumprir os seus desexos

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, dispuxo esta mañá o reparto de 15.000 certificados de bo comportamento que o Concello de Lugo lle fará chegar ás e aos máis pequenos da casa a través dos centros escolares da capital.

Nas misivas, a rexedora dá traslado a Papá Noel e aos Reis Magos do esforzo que as crianzas lucenses fixeron durante todo o ano, ao tempo que os insta a cumprir as súas peticións tanto persoais como para a cidade, polas que tamén lles pregunta.

“Estas datas son, sen dúbida, idóneas para recoñecer o gran traballo que os nosos nenos e nenas realizan para cumprir os obxectivos que se lles marcamos dende a casa e no colexio. Por iso queremos trasladarlles publicamente que estamos moi orgullos de todas e todos eles, non só pola súa conduta senón tamén pola afouteza que nos demostran, enchendo de alegría e satisfaccións os nosos fogares nuns momentos tan complexos como os que estamos a vivir e nos que o seu optimismo resulta vital para a sociedade”, enxalzou Lara Méndez.

A alcaldesa agradeceu a colaboración da comunidade educativa para posibilitar que ningún rapaz ou rapaza quede sen a súa carta e explicou que haberá máis exemplares dispoñibles tanto no Mercado de Nadal como na Casa Consistorial, onde se atopan algunhas das caixas de correo para entregalas.

“De todas elas daremos traslado aos seus destinatarios e, no caso das súas Maxestades de Oriente eu mesma llas farei chegar de forma persoal na recepción que temos previsto ofrecerlles o próximo día 5 de xaneiro”, afirmou a rexedora.

Méndez continúa, así, cunha iniciativa xurdida trala pandemia que se acompañará de moitas outras sorpresas dirixidas ao público infantil de Lugo e que se irán celebrando nos próximos días nos diferentes barrios do municipio así como no Mercado de Nadal instalado na Praza Maior.

Noticias relacionadas