Lara Méndez destinará 3’6 millóns de euros ao novo contrato do Centro de Día co que quere fortalecer o apoio aos maiores en soidade

A próxima Xunta de Goberno Local aprobará a apertura do procedemento de licitación para xestionar a prestación nas instalacións do “Novo Antonio Gandoy”.

Lara Méndez: “A situación de pandemia nos fixo reformular o servizo na procura de impulsar unha mellor calidade de vida, evitando a institucionalización dos maiores”.

Entre as melloras que incorporan estes pregos figura a realización de saídas ao exterior e a elaboración dun estudo sobre a realidade social de Lugo.

Venres, 23 de xullo de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez destinará 3’6 millóns de euros ao novo contrato do Centro de Día co que quere fortalecer o apoio aos maiores en soidade

O Goberno de Lara Méndez aprobará na vindeira Xunta de Goberno a apertura do procedemento de contratación para xestionar o Centro de Día “Novo Antonio Gandoy” de atención ás persoas maiores.

Un servizo público dirixido a toda a poboación maior do termo municipal no que son unha prioridade todos aqueles cidadáns que, polas súas eivas físicas ou mentais, socioeconómicas ou familiares, teñan reducida a súa autonomía para as actividades básicas e/ou instrumentais da vida diaria.

“O noso obxectivo é – segundo sinalou a propia alcaldesa - ofrecer un ambiente protector e familiar, que saiba previr e cubrir necesidades de atención básica e garantirlles a mellor calidade de vida posible, así como evitar a institucionalización a través da coordinación optima entre todos os recursos asistenciais, logo de que a situación de pandemia vivida nos levara a reformular o servizo”.

Lara Méndez visitaba estes días ás persoas usuarias do centro, acompañada da edil de Benestar, Olga López Racamonde, para interesarse pola súa situación e tamén para coñecer se o desenvolvemento da prestación se axustaba ás súas necesidades.

“Este próximo mércores sairán a licitación os novos pregos da adxudicación cos que queremos, aínda máis, adaptarnos á realidade e ás demandas da veciñanza, seguindo un modelo de Atención Xerontolóxica Centrada na Persoa; unha asistencia que asume, como punto de partida, que as persoas maiores en situación de fraxilidade ou dependencia, como seres humanos que son, merecen ser tratadas con igual consideración e respecto que calquera outra, desde o recoñecemento de que todas e todos temos igual dignidade”, apuntou a rexedora lucense.

Méndez indicou que a xestión concretarase na prestación dos servizos de estancia diurna e tamén no transporte – incluída a zona rural, xestionando un total de 50 prazas.

”Queremos ser o centro de referencia formativo e informativo para as nosas usuarias e usuarios, co fin de axudar ás familias nas tarefas do seu coidado, potenciando, optimizando e coordinando os servizos de atención da rede comunitaria, que ten como prioridade facilitar a permanencia dos maiores no propio domicilio ou contorna social, ao mesmo tempo que mantemos e melloramos o seu nivel de saúde e contribuímos a que recuperen o maior grao de autonomía posible, previndo o seu deterioro mediante programas xerais e específicos de tipo terapéuticos, ocupacionais, rehabilitativos e recreativos”, sinalou a alcaldesa.

Pola súa banda, a concelleira de Benestar, Olga López Racamonde, indicou que unha das principais prioridades do programa é estimular a participación do colectivo en actividades individuais e grupais, en función das súas capacidades psicofísicas para evitar, así, a pasividade e o illamento.

“De feito, nesa estratexia de atención xerontolóxica centrada nas persoas adquire unha especial relevancia o módulo específico de socialización e participación no que figura a creación de grupos de diálogo e fomento das relacións interpersoais, o encontro con outros colectivos e a planificación de actividades comúns, así como a celebración de festas, aniversarios, a organización de xogos, a realización de audicións musicais, o visionado de películas e mesmo a formación de grupos de lectura e actividades creativas como exposicións fotográficas, obradoiros de debuxo, pintura, manualidades ou talleres de estimulación cognitiva e animación”, abondou a edil.

O contrato incorpora importantes melloras con base na realidade social do municipio e que reverten na integración e prevención da exclusión

Unha das principais melloras que inclúe o novo contrato é a realización de até 18 saídas anuais ao exterior.

“Á natureza, culturais, termais, a desenvolver na provincia e zonas limítrofes dentro da xornada de atención diurna que se dispensa. Trátase de viaxes que xa inclúen posibles tarifas de entrada, no seu caso, transporte, comida e merenda así como o resto de gastos e que serán, para as e os beneficiarios, totalmente gratuítas”, indicou a concelleira de Benestar.

A responsable de área explicou tamén que outras das novidades que incorporan estas bases son a elaboración dun estudo sobre a realidade da contorna na que se intervén.

“Un análise que busca coñecer máis á poboación á que vai dirixida o recurso do Centro de Día e as súas necesidades reais, actuais e futuras, para mellorar a calidade da atención, promovendo a innovación, a revisión e actualización das formas de intervención co obxecto de ser máis eficientes”, sinalou Olga López ao tempo que referiu que o documento deberá comprender datos concretos sobre a configuración da poboación en xeral e, especialmente, sobre a máis susceptible de intervención na contorna de Lugo, así como aspectos específicos da estructura social da cidade, infraestrucutras e previsión de recursos que se poderán precisar de cara o futuro no que atinxe ao Centro de Día, entre outros aspectos.

“Solicitamos, ademais, que se oferte a realización dun proxecto piloto de intervención coas persoas maiores usuarias ou potenciais usuarias do Centro de Día que viven en situación de soidade non desexada nos seus domicilios e que sexa de carácter gratuito, que ten a vocación de servir de apoio a todas estas persoas na xestión de recursos e nas relacións coas administracións e outras entidades sociais, fomentando hábitos saudables e, sobre todo, a interacción social cos seus coetaneos”, abondou a concelleira.

Un traballo que inclúe o acompañamento a diferentes organismos, ao médico, así como saídas e paseos terapéuticos no exterior, apoio psicolóxico, de estimulación cognitiva, animación sociocultural e/ou terapia ocupacional e que dará continuidade e complementará o labor desenvolvido durante a pandemia co programa “Acompañámoste”.

As cláusulas administrativas da licitación priman a estabilidade laboral do persoal e a dotación tanto de medios materiais como de efectivos

Olga López Racamonde subliñou, entre os aspectos técnicos da licitación, que a empresa adxudicataria deberá aportar un mínimo de tres vehículos, dous deles, alomenos, adaptados para prestar o servizo de transporte no que, ademais da persoa condutora, debe dispoñer dun acompañante para a axuda na mobilidade das persoas usuarias.

“A ratio de persoal de atención directa, en réxime continuo, será de 1 traballador por cada 10 usuarios, garantíndose ademais, sempre que sexa necesario, a asistencia de médico, grado en enfermería, fisioterapeuta e psicólogo”, afirmou a edil.

“Igualmente, co fin de manter a estabilidade do persoal no emprego, este será subrogado nos dereitos e deberes que tivera recoñecidos a entidade que presta actualmente o Servizo no centro”.

Entre outras esixencias, requírese tamén favorecer a permanencia dos/as traballadores/as, para os efectos de garantir a continuidade da prestación e evitar a súa rotación, así como flexibilidade para abordar situacións imprevistas tales como necesidades sobrevidas polo peche doutros recursos, catástrofes naturais ou crises sanitarias ou epidemiolóxicas.

Ademais, a empresa á que se lle outorgue o contrato deberá elaborar diferentes protocolos de actuación nos que se aborden tanto un posible traslado urxente a centro hospitalario, como a previsión de fugas, posibles emerxencias sanitarias e demais situacións de urxencia, casos de malos tratos e mesmo pautas de prevención para COVID 19 acordes a normativa vixente.

O contrato sairá a licitación por un prazo de dous anos, prorrogable por outros tres en periodos anuais, tendo un orzamento anual de 628.438 euros por exercicio o que eleva o seu custo total até os 3’6 millóns de euros.

Multimedia

  • Lara Méndez destinará 3’6 millóns de euros ao novo contrato do Centro de Día co que quere fortalecer o apoio aos maiores en soidade

Noticias relacionadas