Lara Méndez entrega a castrexas e romanas o premio Tourism Women Friendly en recoñecemento á visibilización da muller no Arde Lvcvs

A rexedora compartiu este galardón outorgado pola organización Mujeres para el Diálogo y la Educación (MDE) coas asociacións da festa de recreación histórica.

Lara Méndez: “Queremos facervos entrega do premio, pois sodes as asociacións as que facedes posible o gran éxito desta cita, que cada ano suma máis adeptos”.

Catro asociacións do Arde Lvcvs están formadas integramente por mulleres.

Xoves, 10 de marzo de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez entrega a castrexas e romanas o premio Tourism Women Friendly en recoñecemento á visibilización da muller no Arde Lvcvs

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, acompañada do edil de Xuventude, Mauricio Repetto, recibiu este xoves no Concello a representantes das asociacións castrexas e romanas do Arde Lvcvs para facerlles entrega do premio Tourism Women Friendly 2022, concedido pola organización Mujeres para el Diálogo y la Educación (MDE) ao municipio lugués, pola visibilización das mulleres nesta festa de recreación histórica.

Lara Méndez lembrou que “durante a celebración de Fitur en Madrid, o pasado mes de xaneiro, recibimos este galardón, con gran entusiasmo, pois distínguenos como mellor destino turístico pola organización do Arde Lvcvs, unha festa na que se lle da visibilidade ás mulleres e  na que se colabora coa sensibilización social e a integración do talento feminino”.

“Por iso, hoxe queremos facervos entrega do premio, pois sodes as asociacións do Arde Lvcvs as que facedes posible o gran éxito desta festa, que cada ano suma máis adeptos. Co voso esforzo, xunto co traballo que realizamos dende o executivo municipal, aspiramos a conseguir a declaración de Festa de Interese Turístico Internacional para o Arde Lvcvs proximamente; o galardón que hoxe compartimos con vós, estou segura de que tamén contribuirá a acadar este recoñecemento mundial”, engadiu a rexedora.

Para a concesión do premio, o xurado valorou, por unha banda, o papel que as mulleres tiveron hai 2.000 anos na defensa pacífica da súa terra dominada entón polos romanos e, por outro, na época actual, o protagonismo das mulleres na celebración da recreación histórica Arde Lvcvs, con catro asociacións formadas integramente por mulleres e unha presenza e participación superior ao 40% en todas as celebracións.

No acto de hoxe participaron unha trintena de representantes das diferentes asociacións castrexas e romanas do Arde Lvcvs.

Multimedia

  • Lara Méndez entrega a castrexas e romanas o premio Tourism Women Friendly en recoñecemento á visibilización da muller no Arde Lvcvs
  • Lara Méndez entrega a castrexas e romanas o premio Tourism Women Friendly en recoñecemento á visibilización da muller no Arde Lvcvs

Noticias relacionadas