Lara Méndez explicará o modelo sostible de Lugo no Foro das Cidades ante expertos do mundo urbano nacionais e internacionais

A alcaldesa lucense foi convidada polo NESI Forum deNova Economía e Innovación Social para falar das “Cidades de 15 minutos e territorios de 45 minutos”.

Participarán máis de 260 relatores durante o tres días de duración do foro, que contará coa presenza de máis de 70 cidades españolas, portuguesas e iberoamericanas

A cita conta con 50 mesas redondas e catro eixos de debate: ‘Planificación urbana’, ‘Renaturalización’, ‘Cidades para habitar’ e ‘Economía circular’.

Mércores, 15 de xuño de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez explicará o modelo sostible de Lugo no Foro das Cidades ante expertos do mundo urbano nacionais e internacionais

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, participará mañá, xoves, na V edición do Foro das Cidades que se celebra dende en IFEMA (Madrid). A rexedora acode convidada polo NESI Forum, Fundación Global Hub for the Common Good de Nova Economía e Innovación Social -que busca a cocreación dunha nova economía ao servizo das persoas e do planeta-, falará na mesa debate  “Cidade 15 minutos e territorios 45 minutos” sobre o modelo de cidade e urbanismo sostible que está a impulsar en Lugo.

Lara Méndez intervirá nunha mesa redonda sobre as interrelacións da realidade urbana e rural, xunto con Frances Boia, secretario xeral para o Reto Demográfico do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico; Mariano Fuentes, concelleiro de Urbanismo de Madrid, e Diego Isabel la Moneda, director do NESI fórum. O Coordinador xeral do  PEMB - Plan Estratéxico Metropolitano de Barcelona, Oriol Estela; e a responsable da área Urbanismo para la Vida do Foro NESI, Beatriz Ramírez.

Esta nova edicion do Foro das Cidades conta con 50 mesas redondas englobadas en 24 sesións temáticas e catro eixos de debate: ‘Planificación urbana’, ‘Renaturalización’, ‘Cidades para habitar’ e ‘Economía circular’. Doutra banda, o financiamento de proxectos urbanos, a calidade de vida das persoas e o intercambio de boas prácticas son as grandes liñas que están presentes de maneira transversal en todo o programa.

En total, pasarán máis de 260 relatores polas catro salas dinámicas durante os tres días do Foro, que ten no seu programa a presenza de máis de 70 cidades españolas, portuguesas e iberoamericanas, así como expertos en diferentes ámbitos da xestión da cidade. A cita conta coa colaboración directa do Concello de Madrid e a implicación de organismos como a Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), a Fundación Biodiversidade, a Unión de Cidades Capitais Iberoamericanas (UCCI), a Comisión Europea e ONU- Habitat, entre outras.

Noticias relacionadas