Lara Méndez, a petición da veciñanza do Centro Histórico, conservará a Fonte de San Fernando no seu emprazamento actual

Este elemento presidirá unha nova área axardinada que se creará diante do Cuartel.

Miguel Fernández e o equipo de Alcaldía comunicaron ao colectivo, nun novo encontro, que en San Fernando e na rúa Montevideo e adxacentes se incrementarán as zonas verdes en 458 m² e que o 72% dos bancos terán respaldo.

Igualmente, incidiron en que, se o estudo de carga o permite, se manterá restrinxida a circulación en Santo Domingo, tal e como está agora, e se ampliarán os espazos con vexetación.

Mércores, 02 de agosto de 2023
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez, a petición da veciñanza do Centro Histórico, conservará a Fonte de San Fernando no seu emprazamento actual

Na liña do proceso permeable e participativo que o Executivo de Lara Méndez mantén aberto para mellorar e consensuar os proxectos de peonalización do Centro Histórico de Lugo, o concelleiro de Transición Ecolóxica, Miguel Fernández xunto a persoal de Alcaldía, reuníuse novamente esta mañá con representantes da Plataforma veciñal para expoñerlles diferentes aspectos das obras en curso.

Durante o encontro, o edil lles confirmou que o Goberno local respectará os seus desexos de conservar a fonte de San Fernando no seu emprazamento actual.

“A pesar de que se trata dunha construción que non ten valor histórico ou patrimonial por sí mesma, a rexedora, Lara Méndez, sensible á vontade cidadá, quixo cumprir esta petición, estreitamente vinculada á identidade do barrio, á vista de que o cambio non condicionaba o proxecto previsto para a Praza do Ferrol dunha forma significativa”, explicou Fernández.

Así, o espazo que agora ocupa este elemento e que, inicialmente, pretendía despexarse para facilitar a posterior exhibición dos restos arqueolóxicos que se atopan in situ (dentro do proxecto de rehabilitación previsto para o inmoble e que atende á reivindicación social unánime de convertelo no Museo da Romanización de Galicia), non só se manterá senón que será o eixe principal dunha nova área axardinada, creada ao efecto, diante do Cuartel.

Así mesmo, comunicáronselle ao colectivo as proporcións nas que se ampliarán, tal e como sempre se dixo, o número de zonas verdes. De maneira que na rúa Montevideo e vías adxacentes, se pasará de 192 m² a 474 m², con 41 árbores máis (agora hai 15), 11 novas papeleiras (agora hai 4) e 15 aparcabicis, mentres que na Praza do Ferrol haberá 1.194 m² de zonas verdes, fronte aos 1.081 m² actuais, que se completarán con 20 novas árbores (agora hai 32), outras 5 papeleiras (agora hai 6) e 15 aparcabicis con marquesiña.

Ao tempo que aumentarán, tamén, o número de bancos con respaldo en todas estas contornas que serán 68 dos 94 previstos (o 72%).

“Se ben a idea era ofrecer un mobiliario urbano diverso que, combinara modelos de xeito funcional e estético, que permitiran diferentes usos - individuais e colectivos - para favorecer a súa utilización tanto como lugar de reunión e xogo para a rapazada - que se senta dunha maneira máis informal - como para o resto de colectivos, tivemos en conta as peticións para que fosen maioría aqueles que permiten ter un apoio ao reclinarse. Os espazos públicos son para a sociedade e deben crearse en consonancia coas súas demandas polo que, como xa dixemos dende o inicio das actuacións, hai máis dun ano, iremos adaptándoas ás predileccións que nos achegue a poboación sempre que sexan viables”, engadiu o responsable de Transición Ecolóxica.

Con relación á nova configuración que ofrecerá Santo Domingo, o equipo de Lara Méndez insistiu á representación veciñal que, sempre que o estudo de carga - cuxa realización xa se contemplaba no contrato – o permita, a circulación se manterá restrinxida, igual que agora, á parte dereita da praza, e se ampliarán os espazos con vexetación.

“A transformación do recinto amurallado debe servir non só para conciliar todos os usos que se concentran nesta contorna senón tamén para renaturalizala, incidindo na súa habitabilidade de xeito que as tres obras sexan consonantes con este obxectivo e acadando así o 100% da peonalización da zona intramurallas coa conseguinte diminución da contaminación ambiental e acústica”, incidiu Miguel Fernández.

O tenente de alcaldesa lembrou que “a vontade da rexedora é conseguir que Santo Domingo sexa un punto de encontro para lucenses e visitantes pero non só para pasar por el senón para quedarse e desfrutalo, de xeito que trataremos de introducir, na medida que sexa posible, as consideracións que nos trasladen as persoas residentes neste punto da cidade así como o resto de asociacións ou entidades que queiran facer algunha achega”, sostivo.

Audio

  • O concelleiro de Transición Ecolóxica, Miguel Fernández, sobre a reunión da Plataforma do Barrio Centro | Descargar mp3

Noticias relacionadas