Lara Méndez pon en valor o bo facer do comercio local no acto de recoñecemento á traxectoria de A Tasca e Calzados Doval

A alcaldesa de Lugo asistiu esta tarde á entrega de distincións promovida pola Asociación Lugo Monumental

Xoves, 29 de xullo de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez pon en valor o bo facer do comercio local no acto de recoñecemento á traxectoria de A Tasca e Calzados Doval

A rexedora de Lugo, Lara Méndez, aproveitou o acto organizado pola Asociación Lugo Monumental para distinguir a traxectoria de A Tasca e Calzados Doval e poñer en valor o bo facer do comercio local.

Nunha cerimonia moi emotiva, que tivo lugar na Praza do Campo - onde cada 29 de xullo se honra a Santa Marta, patroa da hostalaría - a alcaldesa destacou o traballo que Maruchi e Luis, á fronte da Tasca, e que Braulio, tralo mostrador de Calzados Doval, desenvolveron durante décadas “até converterse en auténticos referentes do ocio e do comercio lucense. Non en van falamos de negocios que levan en pé dende 1950 e 1939, respectivamente”.

“A Tasca e Calzados Doval son xa nomes insignes neste Casco Histórico do que tan orgullosos estamos; un na rúa da Cruz e o outro en Conde Pallares, logo de varias xeracións exercendo tan digno traballo de servir e atender sempre con tanta amabilidade, con tan boas maneiras e tan boa materia, a lucenses e visitantes”, gabou Méndez.

“Hoxe, aquí, recoñecemos a valía de toda esa dedicación, dos sacrificios que - estamos seguros - fixeron os seus propietarios na que foi a súa segunda, por non dicir primeira casa, na que investiron tanto esforzo, tanto tempo e tanto cariño. Hoxe é día de agradecerlles o seu labor, por contribuír á gran fama gastronómica e comercial que ten a cidade de Lugo e de dárllela noraboa polo éxito e continuidade que alcanzaron e, especialmente, pola pegada que nos deixaron e que será de inspiración para tantos e tantas emprendedoras ás que queremos acoller na cidade”, concluíu Lara Méndez.

Noticias relacionadas