Lara Méndez promove a licitación do edificio Impulso Verde para reactivar, durante a crise sanitaria, os sectores construtivo e forestal

A vindeira Xunta de Goberno Local aprobará os novos pregos de adxudicación da obra, que modifica algúns dos requisitos para fomentar a concorrencia

A alcaldesa lembra que será un revulsivo económico para dinamizar o sector forestal ao abrir as portas a un novo modelo produtivo de alta tecnoloxía, que permitirá desenvolver o valor engadido da madeira e doutros cultivos autóctonos, situando á cidade, á provincia e á comunidade no mapa da innovación ecolóxica

Sábado, 09 de maio de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez promove a licitación do edificio Impulso Verde para reactivar, durante a crise sanitaria, os sectores construtivo e forestal

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, reactivará a construción do Impulso Verde. Un inmoble pioneiro e innovador que se enmarca dentro do programa europeo Life Lugo+Biodinámico, encamiñado non só a deseñar desde Lugo as cidades ecolóxicas do futuro senón tamén a ser un referente na loita contra o cambio climático e na aplicación de solucións de enerxía limpa e de eficiencia enerxética.

Para iso, levará a apertura do procedemento encamiñado adxudicar a súa construción, logo de que o anterior quedara deserto, á Xunta de Goberno Local que se celebrará a vindeira semana. Será a segunda que terá lugar dende a declaración do Estado de Alarma e, ao igual que na anterior, a rexedora impulsará a recuperación da actividade nos sectores construtivos co fin de contribuír a unha mellora da economía. “Neste caso falamos da construción, pero tamén do sector forestal xa que este será o primeiro edificio público da comunidade executado na súa integridade con madeira de Galicia, ”, sostivo a rexedora.

Lara Méndez lembra que o Impulso Verde ofrece unhas características singulares que condicionan os pregos da súa licitación. “A madeira da estrutura debe ser galega e certificada, un compromiso ineludible e prioritario neste proxecto, para demostrar que nun territorio como o noso podemos non só producila como os mellores no mundo senón convertela nun elemento esencial construtivo para usos residenciais e urbanísticos”, sostén.

O Impulso Verde será un exemplo neste sentido, “e un exemplo clave na loita contra o cambio climático porque permitirá emitir un 90% menos de C02 contaminante á atmósfera respecto ás edificacións de formigón e aceiro, pero tamén acadará a absorción de emisións, o que significa que estará axudando a minorar o efecto invernadoiro”.

O novo prego de condicións modifica algunhas cláusulas como as esixencias relativas á experiencia do equipo técnico adscrito para, sen comprometer a boa execución da obra e a súa calidade, fomentar a concorrencia entre os licitadores. De igual xeito, non se valorará, como mellora, a diminución do prazo de execución que pasa de 12 a 15 meses ao mesmo tempo que se incrementa o orzamento asignado ata os 1,5 millóns de euros.

“Agardamos que a modificación destes requisitos contribúa a facer máis atractivo o concurso e a propiciar a participación e a presentación de ofertas ao mesmo”, engadiu Lara Méndez.

“Sabemos que o edificio Impulso Verde suporácunha auténtica revolución no modelo de construción urbana, baseada no mellor que temos: os nosos recursos naturais, para minimizar o impacto ambiental e mellorar a calidade de vida dos e das lucenses. Pero tamén será un revulsivo económico para dinamizar o sector forestal de Lugo e de Galicia ao abrir as portas a un novo modelo produtivo de alta tecnoloxía, que permitirá desenvolver o valor engadido da madeira e doutros cultivos autóctonos, situando á cidade, á provincia e á comunidade no mapa da innovación ecolóxica”, subliñou a alcaldesa.

Un modelo construtivo único e singular

O Impulso Verde foi deseñado cun sistema de estruturas laminares reticulares de eucalipto para a súa utilización en cubertas, e un panel de madeira contralaminada de piñeiro radiata para a súa aplicación en edificación en altura. En canto ás innovacións, será un inmoble de balance enerxético case cero, é dicir, será capaz de producir con enerxías alternativas o seu consumo. Cando estea construído, monitorizarase para avaliar o seu rendemento e detectar, incluso, se pode producir máis enerxía da que consome.

Ademais, o seu modelo de construción implicará un aforro do gasto enerxético nun 74% respecto a edificios de oficinas xa existentes, e nun 54% con relación aos de nova construción.

Desde un punto de vista espacial, o edificio conectará ao usuario coa natureza a través do emprego da madeira e da inserción de espazos verdes, destinados ao descanso e ao esparexemento xa que estará rodeado dun novo parque con pavimentos drenantes, especies autóctonas, xardíns de choiva e unha ampla zona de hortos urbanos.

De uso público e con actividade permanente, o Impulso Verde albergará servizos municipais, ademais dun coworking para empresas relacionadas co medio ambiente e o cambio climático.

“Por todas estas razóns, o proxecto marcará un punto de inflexión, que contribuirá de maneira decisiva a un cambio de paradigma construtivo cara modelos sostibles e respectuosos co medio ambiente, pero tamén á posta en marcha dunha economía verde, nun contexto como o actual donde os retos deben asumirse como acicate para superar as dificultades que se presentan”, comentou Méndez. “Lugo será un municipio aberto ás empresas que queiran apostar por esta economía social e comprometida. Unha fórmula para consolidar a nosa identidade urbana e rural dentro do panorama global”, sostivo.

O Impulso Verde  e o Barrio Multiecolóxico

Cómpre lembrar que o edificio Impulso Verde asentarase no novo barrio multiecolóxico que se desenvolverá en dous sectores da zona da Garaballa, buscando garantir a inclusión e a equidade social e interxeracional, así como para promover a saúde e o benestar mediante a creación dunha aldea urbana que proporcione á veciñanza un abano amplo de usos no barrio: vivenda, transporte, instalacións e servizos recreativos e comunitarios, espazos públicos e pequenos comercios.

O Proxecto LIFE Lugo + Biodinámico é un dos piares do modelo de cidade que impulsa o Goberno de Lara Méndez, que une de xeito indisoluble o desenvolvemento urbanístico e a sostibilidade económica. O obxectivo é situar a Lugo como un referente europeo na loita contra o cambio climático en contornas urbanas, ao tempo que se promove un novo modelo produtivo baseado no desenvolvemento de todo o potencial dos recursos naturais dispoñibles, apostando firmemente por unha economía sostible e a xeración de empregos verdes.

Neste proxecto cofinanciado pola Unión Europea, o Concello de Lugo está acompañado da Deputación de Lugo e tamén conta co labor de investigación da Universidade de Santiago de Compostela e da Universidad Politécnica de Madrid.

Toda a información relativa ao proxecto LIFE Lugo + Biodinámico, as súas actividades e accións de divulgación está recollida na web lugobiodinamico.eu e nos espazos en redes sociais do proxecto europeo.  

Noticias relacionadas