Lara Méndez supervisa o remate das obras do fibrocemento en Marqués de Ombreiro, onde se renovaron 35 acometidas

O executivo municipal financiou con case 90.000 euros a actuación para substituír as tubaxes existentes por outras de fundición, máis resistentes e duradeiras.

Lara Méndez: “modernizamos o servizo, mellorando a calidade da subministración, ao tempo que apostamos por infraestruturas máis sostibles e eficientes”.

Mércores, 10 de novembro de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez supervisa o remate das obras do fibrocemento en Marqués de Ombreiro, onde se renovaron 35 acometidas

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, acompañada do tenente de alcaldesa e concelleiro de Medio Ambiente, Miguel Fernández, supervisou este mércores o remate das obras de substitución do fibrocemento que o executivo municipal puxo en marcha na Avenida Marqués de Ombreiro cun investimento de 87.719 euros. Esta actuación permitiu renovar un total de 35 acometidas na marxe dereita da vía, substituíndo as tubaxes existentes por outras de fundición, máis resistentes e duradeiras.

A rexedora explicou que “a través desta  actuación modernizamos o servizo, mellorando a calidade da subministración, ao tempo que apostamos por infraestruturas máis sostibles e eficientes, en consonancia coa transformación que estamos a impulsar no municipio, para acadar unha cidade máis agradable e cómoda para os cidadáns”.

A intervención enmárcase dentro do plan municipal que o executivo de Lara Méndez está a desenvolver para erradicar a presenza de fibrocemento nas canalizacións da cidade. Un obxectivo para o que a área de Medio Ambiente consignou 1’2 millóns de euros e que suporá a actuación sobre 250 acometidas e 4.080 metros de tubaxes en 14 rúas da cidade concentrando, fundamentalmente, os esforzos nas contornas de Fingoi, Marina Española e a Cheda.

Os traballos inclúen, ademais da substitución das canalizacións, a renovación completa das beirarrúas, que suman 6.550 metros de pavimento, actuando, de forma integral, sobre estas vías.

Actualmente, ademais de en Marqués de Ombreiro, xa remataron os traballos na rúa Rei don García, nas rúas Bataneira e Figueira, e na rúa Escultor Asorei; e atópanse avanzadas nas rúas Armórica, Aviación Española e no Barrio da Cheda, que inclúe as rúas Río Landro, Eume, Pousadela, Masma, Sar, Pambre e Azúmara.

Noticias relacionadas