Lugo acolle a única sala específica de Arte Africano en Galicia grazas á doazón de Xoán Anllo

Lara Méndez e Darío  Campos inauguraron a sala permanente de Arte Africano que acolle o Museo Provincial na capital grazas á doazón do artista Xoán Anllo

Conta con 102 pezas únicas de escultura, mobiliario, regalías, máscaras, escultura e orfebrería. Todos os interesados poden visitala de xeito gratuíto

Xoves, 23 de novembro de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lugo acolle a única sala específica de Arte Africano en Galicia grazas á doazón de Xoán Anllo

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e o Presidente da Deputación, Darío Campos, inauguraron este xoves a primeira sala de Galicia permanente e específica de Arte Africana, que acolle Lugo, concretamente o Museo Provincial, grazas á doazón do coleccionista lucense Xoán Anllo. O artista tamén participou no acto, que estivo precedido pola actuación dun grupo de canto, percusión e danza tradicional africana.

No acto, Lara Méndez amosouse orgullosa de que Lugo acolla a única exposición deste arte en Galicia, que enriquece ademais os fondos etnográficos da rede de museos cos que conta a cidade. Así mesmo, agradeceu a xenerosa doazón de Xoán Anllo "que tan interesante agasallo lle fai ao pobo de Lugo e aos miles de visitantes que recibe a cidade ano tras ano". Tamén tivo palabras de agradecemento para a Deputación, que xunto co Concello, continúan a amosar o seu compromiso coa arte e a cultura en todas as súas dimensións. Ademais, fixo fincapé nesta mostra como unha oportunidade para romper fronteiras entre culturas.

Pola súa banda, Darío Campos subliñou que “é un privilexio contar no Museo Provincial de Lugo coa única sala permanente e específica en Galicia de Arte Africano. Quero transmitir o noso máis sincero agradecemento a Xoán Anllo por facer posible que todos os lucenses poidamos ser partícipes dunha mostra de incalculable valor cultural”.

Todos as persoas interesadas poden visitalas de xeito gratuíto. Está situada na Sala 29 do Museo Provincial, que se sitúa na capital lucenses. Conta con 102 pezas únicas de escultura, mobiliario, regalías, máscaras e ourivería. O horario para visitar a exposición é de luns a venres de 9:00 a 21:00 horas, sábados de 10:30 a 14:00 e de 16:30 a 20:00 horas, domingos e festivos de 11:00 a 14:00 horas. A entrada é totalmente gratuíta.

Xoán Anllo

Xoán  Anllo (Feira do Monte, Cospeito-1936) por razóns profesionais, xa que foi tradutor das Nacións Unidas, recompilou estas pezas nas súas viaxes por todo o mundo durante catro décadas. Nas súas numerosas estadías en África quedou fascinado pola arte deste continente, logrando conformar unha completa colección formada por máis de dous centenares de pezas.

102 pezas integran a exposición

A colección permanente que se pode visitar na Sala 29 do Museo Provincial ofrece 102 pezas. O contido da mostra estruturouse en cinco grandes bloques: mobiliario,  regalías, máscaras, escultura e ourivaría. Destacan as máscaras, pezas empregadas fundamentalmente en tres tipos de celebracións ligadas á fertilidade, iniciación e morte. Hainas  antropomorfas,  zoomorfas,  antropozoomorfas, que representan calidades como a nobreza, beleza ou coraxe.

Noticias relacionadas