Lugo recibe o premio como mellor destino turístico accesible de España

O Concello resultou gañador dun certame posto en marcha nas redes sociais que recoñece o esforzo das institucións pola eliminación de barreiras arquitectóncias e pola igualdade das persoas con discapacidade

Lara Méndez agradeceu o apoio á candidatura de Lugo, “un acicate relevante para continuar a traballar a favor dunha accesibilidade universal, da igualdade de oportunidades, da dignidade das persoas e da autonomía da cidade”

Xoves, 03 de decembro de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lugo recibe o premio como mellor destino turístico accesible de España

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, recibiu este xoves no Salón de Plenos de mans de Simon Feismann, director de ThyseenKrupp Encasa, unha placa conmemorativa e un trofeo que recoñecen a Lugo como o destino turístico mellor adaptado para persoas con problemas de mobilidade, grazas aos seus servizos de accesibilidade, que foron os mellor valorados por un total de 5.109 nun concurso promovido por esta empresa líder en accesibilidade. Trátase dunha iniciativa impulsada por segundo ano consecutivo por ThyssenKrupp Encasa, que recoñece o esforzo das institucións pola eliminación de barreiras arquitectóncias e pola igualdade das persoas con discapacidade.

No acto, ao que tamén asistiu a Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Inclusión, Ana González Abelleira, e o vogal de accesibilidade de AUXILIA, Aquilino González; a rexedora asegurou que “recibir este recoñecemento segue a liña de traballo municipal de impulsar a Lugo como destino turístico accesible e entronca coa nosa aposta pola igualdade e pola defensa dos dereitos básicos de todos os veciños e veciñas, co fin de conseguir unha sociedade máis igualitaria e integrada”.

Iniciativas de accesibilidade

Méndez lembrou que en Lugo está aprobada a Ordenanza Municipal de Supresión de Barreiras Arquitectónicas e que se puxo en marcha un Gabinete Municipal de Accesibilidade, que nos últimos anos permitiru actuar con eficacia para eliminar as barreiras arquitectónicas e adaptar a cidade a todos aqueles que vivan ou visiten o Concello, “iniciativas que nos fixeron merecedores do Premio Reina Sofía de Accesibilidade Universal”, subliñou Méndez.

A Alcaldesa tamén fixo referencia ás iniciativas nas que traballa o Concello, como a sinalización de 43 novas prazas de aparcamento para persoas con mobilidade reducida en diferentes puntos da cidade, así como obras de accesibilidade en rúas como a Avenida da Coruña, rúa Caravel, Montevideo, Ronda da Muralla, Teatro ou Lamas de Prado. Neste senso tamén deu a coñecer, tal como se acordou no último encontro do Gabinete Municipal de Accesibilidade, que se renovará o mobiliario urbano e se porá en funcionamento de colectores adaptados para persoas con mobilidade reducida. Neste senso, tamén lembrou que o pasado luns, 30 de novembro, coincidindo co XV Aniversario da Muralla de Lugo como Ben Mundial, púxose en marcha o ascensor da Muralla, que facilita a accesibilidade a este monumento bimilenario.

A rexedora agradeceu a todos os que apoiaron a candidatura de Lugo, á empresa por promover esta iniciativa e aos cidadáns por axudar a lograr este distintivo, “un acicate relevante para continuar a traballar a favor dunha accesibilidade universal, da igualdade de oportunidades, da dignidade das persoas e da autonomía da cidade”.

A Alcaldesa aproveitou para reivindicar, coincidindo co Día Internacional das Persoas con Discapacidade, un maior compromiso das administracións, colectivos sociais, empresas privadas e cidadanía para alcanzar a accesibilidade plena. “Todos somos responsables da súa normalización”, aseverou Méndez.

Máis do 30% dos votos para Lugo

Lugo recibiu o maior número de apoios de entre un total de 44 municipios, cun total de 5.109 votos, seguida de Ourense, con 3.963 e Allariz, con 919. Entre todas as candidaturas presentadas rexistráronse máis de 16.400 votos a través da web www.destinoaccesible.es

Noticias relacionadas