Lugo reclama no Día de Europa unha Unión Europea máis concienciada, máis solidaria e máis libre

A Alcaldesa presidiu os actos institucionais organizados polo Concello na Praza Maior para conmemorar este día, que englobaron a lectura dun manifesto, o izado da bandeira europea e actividades para os máis pequenos, entre outros

Luns, 09 de maio de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lugo reclama no Día de Europa unha Unión Europea máis concienciada, máis solidaria e máis libre

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, presidiu este luns os actos insitucionais organizados polo Concello na Praza Maior para conmemorar o Día de Europa, que se celebra o 9 de maio como cada ano dende 1985. Os actos, aos que tamén asistiron membros da Corporación Municipal, arrincaron coa entrega de premios do terceiro concurso de fotografía Cidadáns Europeos en Galicia: As Vantaxes de Ser Europeo, organizado polo Centro de Información Europe Direct do Concello de Lugo xunto co da Deputación da Coruña e a Cámara de Ourense, para mostrar os valores europeos. As fotografías gañadoras, autoría de Cristina Dans e Alba Pernas, estaban relacionadas co medioambiente, en concreto cos ecosistemas dos Ancares e das Fragas do Eume.

Posteriormente, a rexedora puxo voz ao manifesto que iniciou lembrando á figura de Robert Schuman, “que sementou o xermolo da Unión Europea da que formamos parte dende hai 30 anos”. Neste senso, a Alcaldesa fixo fincapé na conmemoración deste día, “posto que no Concello compartimos os valores polos que foi creados a Unión Europea, valores de liberdade, democracia, igualdade, respecto e dereitos humanos, valores aos que ningún país da Unión Europea debe renunciar”, ao tempo que lamentou a perda do valor da solidariedade.

“Europa está sumerxida nunha crise multisectorial que perxudica ao desenvolvemento de calquera sitema”, avanzou Lara Méndez, quen se referiu á crise humanitaria, coa realidade dos miles de refuxiados da guerra de Siria, refuxiados que acollerá o Concello de Lugo. “Os cidadáns debemos e temos que ser críticos coa Unión Europea cando se equivoca na toma de decisións ou cando non é suficientemente áxil nas mesmas”, asegurou a Alcaldesa ao tempo que insistiu nalgún dos retos aos que se ten que enfrontar a UE, como a transparencia na negociación do Tratado Transatlántico de Comercio e Inversións, declarándose este Concello libre do TTIP no pasado mes de xaneiro.

O documento tamén reivindicaba solucións conxuntas á crise que atinxe ao eido humanitario, de valores de protección social e de solidariedade. “A mirada conxunta para dar solución europeas a esta crise debe prevalecer sobre os intereses individuais”, asegurou a rexedora ao tempo que lembrou as melloras que a Unión posibilitou a España dende a súa incorporación á UE.  

O manifesto subliñaba que Lugo non se pode entender sen Europa, lembrando as porbas de como Europa contribuíu a mellora da calidade de vida dos veciños, a través dos fondos europeos, capaces de impulsar o emprego da cidade, e de axudar á conservación e á difusión do patrimonio.

Para rematar, Lara Méndez fixo un chamamento para valorar a realidade europea e para construír unha Europa máis concienciada, máis solidaria e máis libre, “que loite polos seus dereitos, pero que tamén esté disposta a defendelos”.

Tras a lectura do manifesto, levouse a cabo o izado da bandeira de Europa na Casa do Concello ao tempo que soaba o himno europeo. Na fachada tamén loce unha pancarta para celebrar os 30 anos da incorporación de España á Unión Europea. Ademais, instalouse unha mesa informativa e organizáronse actividades dirixidas aos máis cativos na Praza Maior. 

Audio

Máis info

Multimedia

  • Lugo reclama no Día de Europa unha Unión Europea máis concienciada, máis solidaria e máis libre

Noticias relacionadas