Lugo vestirase de negro en repulsa da violencia de xénero

Ana Abelleira e Álvaro Santos, acompañados de representantes de diversos colectivos de Lugo, presentaron a campaña En Negro Contra a Violencia. Máis de 120 establecementos e institucións lucirán loito do 18 ao 28 de novembro

A edil e o vicepresidente coincidiron na sensibilización da cidadanía para acabar con esta lacra social así como na necesidade dun pacto estatal e de destinar recursos a esta materia, que se debe atallar de xeito transversal

Os interesados en participar nesta campaña conxunta poden facelo a través da Casa da Muller, no enderezo electrónico cmuller@concellodelugo.org, ou no teléfono 982-29-74-12

Venres, 04 de novembro de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lugo vestirase de negro en repulsa da violencia de xénero

Lugo vestirase de negro en repulsa da violencia de xénero. Faino tras sumarse o Concello a unha campaña conxunta de sensibilización no marco do Día Internacional contra a Violencia de Xénero, baixo a denominación En Negro Contra a Violencia. Así o deu a coñecer este venres a Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Inclusión, Ana González Abelleira, acompañada do Vicepresidente da Deputación, Álvaro Santos, nun acto ao que tamén asistiron representantes do colectivo de taxistas de Lugo, de asociacións dos ámbitos da diversidade funcional, da emigración e inmigración; colectivos sociais, comercio, autónomas, empresarias, hostalería, Lugo Monumental e Secretariado Xitano, que tamén se van unir a esta iniciativa, xunto á comunidade educativa.

Tal e como deu a coñecer a edil, con esta campaña, que consiste en ataviar de loito as institucións, comercios ou locais, do 18 ao 28 de novembro, búscase darlle visibilidade e rexeitar, coa maior contundencia posible e dunha vez por todas, a violencia machista como un problema público, de toda a cidadanía. Faise ademais de xeito global e transversal, con coordinación entre concellos moi diversos e de diferentes cores políticos, implicando ao tecido económico, social e cultural, para identificar e transmitir a mesma mensaxe a través da cor negra.

Deste xeito, entidades públicas e privadas, e institucións, berrarán conxuntamente para acabar dunha vez por todas con esta lacra social, porque a violencia de xénero é unha realidade estrutural e multidimensional e un fenómeno global dende o punto de vista territorial, social, económico e cultural; e porque a violencia é a expresión máis extrema das desigualdades sociais que viven as mulleres polo mero feito de selo, unha desigualdade silenciada, agochada e, en moitos casos normalizada, e porque na última década, foron 42 as mulleres asasinadas por violencia machista en Galicia e 656 en España, polo que a decisión ten que ser unánime, subliñou González Abelleira, quen aproveitou para agradecer a colaboración de todos e todas as que se uniron ata o momento, máis de 120 participantes, así como a Deputación; e animou a toda a cidadanía a participar en Cidades en Negro a través da Casa da Muller, no enderezo electrónico cmuller@concellodelugo.org, ou no teléfono 982-29-74-12.

“Debemos deixar de esconder a violencia, porque non é nada privado, senón que é algo que afecta a toda a sociedade en xeral, de aí a necesidade dun pacto estatal e de destinar recursos a esta materia”, concluíu a edil.

Pola súa banda, o Vicepresidente amosou o apoio e colaboración da Deputación e da Fundación TIC “a esta semana lutuosa, a esta semana na que visibilizaremos esas ausencias e eses baleiros que deixan na sociedade as vítimas de violencia de xénero, tanto na vertente da súa máxima expresión, a agresión física, como noutras outras actitudes”. Neste senso, Santos chamou á implicación da sociedade para que “Lugo, como cidade e como provincia, se vista de negro como símbolo de dor, dunha dor que sirva para reivindicar e para esixir, entre todos, superar a violencia de xénero”.

Álvaro Santos pediu que non soamente a sociedade tome conciencia neste asunto, senón tamén os niveis administrativos onde residen as competencias, non só na loita ou paliación do dano que esta provoca, senón a nivel de seguridade e prevención, tanto con educación, cultura, concienciación, “o que ten que ser un traballo transversal”, subliñou o Vicepresidente, ao tempo que asegurou que algo está fallando na sociedade cando se produce un asasinato dunha muller polo mero feito de selo.

Ademais do Concello de Lugo, Ames, Cangas, Carballo, Coruña, Ferrol, Poio, Pontevedra, Ribadeo, Sada, Santiago de Compostela, Sarria, Teo, Tui e Zas, engalanaranse conxuntamente de negro.

Audio

  • Ana Abelleira, sobre a campaña En Negro Contra a Violencia|Descargar mp3
  • Álvaro Santos, sobre a campaña En Negro Contra a Violencia|Descargar mp3

 

Noticias relacionadas