#LugoAcendeONadal este venres coa maxia do Mago Rafa e a música de Édgar Bao e a Escola Municipal de Música

A Alcaldesa convidou aos veciños e veciñas a achegarse á Praza Maior, onde se concentrarán os actos lúdicos, a partir das 18:30 horas. Tamén haberá un photocall e reparto de globos entre as nenas e nenos

Martes, 28 de novembro de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa
#LugoAcendeONadal este venres coa maxia do Mago Rafa e a música de Édgar Bao e a Escola Municipal de Música

Lugo acenderá o Nadal este vernes. Así o anunciou esta mañá a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, quen convidou aos veciños e veciñas a achegarse á Praza Maior, diante da Casa Consistorial, a partir das 18:30 horas, onde se concentrarán distintos actos lúdicos.

Para este momento tan esperado, tanto por pequenos como adultos, o Concello de Lugo ten preparado un photocall, no que toda a cidadanía se poderá facer fotografías e darlle a benvida a estas datas. Así mesmo, pide que se suban as imaxes ás redes sociais, baixo o hastag #LugoAcendeONadal para difundir a maxia do Nadal en Lugo. As nenas e os nenos tamén disfrutarán dun reparto de globos.

Lara Méndez adiantou que con estes actos colaborará o Mago Rafa, que xerará cun dos seus espectáculos a mellor das ilusións entre as persoas asistentes nun dos momentos máis máxicos do ano, o Nadal. Tamén participará o lugués Édgar Bao, que fará brilar máis aínda o Nadal na cidade. Para rematar, celebrarase un concerto do coro infantil da Escola Municipal de Música, que lle poñerá o broche de ouro musical ao acto.

Arcos e letreiros en máis de 40 puntos da cidade

O alumeado, que foi adxudicado por un importe de 41.715 euros, estará aceso durante máis dun mes, ata o 6 de xaneiro. Están colocados 153 arcos e 7 letreiros en 43 puntos da cidade: Praza Maior, Campo Castelo, rúa San Pedro, Progreso, Xoán Montes, da Raíña, das Noreas, do Teatro, Clérigos, San Froilán, Amor Meilán, Montevideo, Bolaño Ribadeneira, da Cruz, Praza do Campo, rúa Bispo Basulto, da Catedral, do Miño, Doutor Castro, Conde Pallares, praza de Santo Domingo, Soidade, rúa Bispo Aguirre, Rúa Nova, Montero Ríos, San Marcos, Mártires de Carral, Concepción Arenal, Avenida da Coruña, Camiño Real, Mallorca, Quiroga Ballesteros, Ronda das Fontiñas, San Roque, Carril das Flores, confluencia de Recatelo, Carril dos Loureiros e Isaac Díaz Pardo, Parque da Milagrosa, confluencia da Avenida da Coruña con Paulo Fabio Máximo, Fonte dos Ranchos, confluencia de San Roque e avenida de Madrid, rúa Adolfo Suárez e Ponte Romana. Disponse demais o recubrimento das árbores da Praza Maior nos troncos e ramas máis importantes con cordóns led ou fíos luminosos, un deseño específico de cubrición da fachada da Casa Consistorial mediante o emprego de cortinas, cordóns e outros elementos formando unha estrutura luminosa, un abeto artificial luminoso cunha altura mínima de 15 metros fronte ao Concello e a conexión da iluminación do quiosco, así como o recubrimento mediante cordóns led ou fío luminoso dun número suficientemente representativo de árbores existentes na Ronda das Fontiñas, no tramo comprendido entre o carril das Flores e o Carril do Xuízo, de xeito que forme un deseño conxunto, harmónico e continuo.

Audio

  • A Alcaldesa Lara Méndez, sobre o acendido de Nadal | Descargar mp3

Noticias relacionadas