Máis de 13.500 persoas viaxaron nas 4 liñas de autobús urbano que o Concello facilitou de xeito gratuíto para incentivar as compras no Nadal

A Alcaldesa deu conta do número de viaxeiros tras facer entrega dos derradeiros cheques da campaña O Nadal Sorpréndete, impulsada pola entidade local e a Federación de Comercio para dinamizar o sector nestas datas

Martes, 05 de xaneiro de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Entrega dos derradeiros cheques da campaña O Nadal Sorpréndete

Máis de 13.500 persoas levan viaxado de balde nas 4 liñas de autobús urbano que o Concello facilita de xeito gratuíto dende o pasado 22 de decembro ao centro da cidade para incentivar as compras no comercio local, o que supón un 1% máis con respecto do mesmo período do pasado ano. Así o deu a coñecer este martes a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, tras facer entrega dos derradeiros cheques da campaña O Nadal Sorpréndete, impulsada polo Concello e a Federación Galega de Comercio para revitalizar o pequeno comercio lucense e atraer clientes ao centro da cidade durante a campaña de Nadal. Tal e como lembrou a rexedora, no día de hoxe as viaxes aínda serán de balde nas liñas 3 -De Ramil a Fingoi-; 4 –De A Tolda (Conturiz) á Abella (Casás)-; 7A –De As Gándaras ao Cemiterio-; e a 6 –De Montirón á Residencia (A Cheda). Deste xeito, a cifra de persoas que usou as liñas gratuítas aumentará.

Os días que máis pasaxeiros se subiron a bordo do bus urbano foron o 23 e o 29 de decembro, con 1.500 usuarios cada un. Por outra banda, a liña con máis pasaxeiros foi a de Ramil a Fingoi, con máis de 2.600. Con esta alternativa, a entidade local incentivou ademais os desprazamentos dos lucenses a través do transporte público.

No acto de entrega dos últimos 30 cheques, ao que tamén asistiu o Presidente da Federación, José María Seijas, Méndez agradeceulle tanto a estes últimos agraciados como aos anteriores que realizaran as súas compras nas tendas da cidade, pois contribúen a manter un sector estratéxico en Lugo, que xera o 14% do PIB e o 16% dos postos de traballo do municipio. Con estes últimos talóns, son 100 os entregados, que suman un valor total de 5.000 euros.

Pola súa banda, Seijas agradeceu ao Concello a colaboración prestada para levar este campaña e o apoio incondicional da entidade local ao comercio de Lugo. 

Noticias relacionadas