Máis de medio cento de lucenses atoparon traballo no Concello de Lugo a través das Bolsas de Emprego Municipais

A edil de Gobernanza, Paula Alvarellos, anunciou que vén de completarse a publicación das listaxes para as 42 categorías profesionais, integradas por máis de 9.000 persoas.

A orde de elaboración atendeu a criterios de urxencia segundo as necesidades detectadas pola Administración para ocupar as prazas vacantes nos servizos con maior carga de traballo.

A maioría dos postos cubertos se corresponden coas categorías de auxiliar administrativo/a, traballador/a social, arquitecto/a, músicos, lector/a de contadores, analista programador e enxeñeiro/a de camiños.

Luns, 07 de novembro de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Máis de medio cento de lucenses atoparon traballo no Concello de Lugo a través das Bolsas de Emprego Municipais

O Concello de Lugo leva contratado xa a un total de 54 persoas a través das Bolsas de Emprego Municipais impulsadas polo Executivo de Lara Méndez neste mandato.

Así o trasladou esta mañá a tenente de alcaldesa e edil de Gobernanza, Paula Alvarellos, que tamén avanzou que vén de completarse o proceso de publicación das listaxes para as 42 categorías profesionais existentes, integradas – segundo a última actualización das mesmas - por un total de 9.395 persoas, das 12.000 solicitudes que se presentaron.

“A súa orde de publicación obedeceu a criterios de urxencia segundo as necesidades que se foron detectando para ocupar as prazas vacantes nos servizos con maior carga de traballo”, sinalou a concelleira.

Así, a responsable de Persoal referiu que até a data se formalizou a cobertura de 37 postos de auxiliar administrativo/a, 10 traballadore/as sociais, 3 arquitecto/as pero tamén de oficiais lector/a de contadores, analista programador/a, músico/a ou enxeñeiro (1 c/u).

“De maneira que estas Bolsas supuxeron unha importante oportunidade laboral nun momento de especial incerteza pola inestabilidade que xerou a crise sanitaria e, posteriormente, a social na que derivou”, subliñou Paula Alvarellos.

A titular de Gobernanza lembrou que o obxectivo era crear listas de substitución naqueles departamentos nos que se vén detectando unha demanda frecuente de profesionais que permitan garantir a continuidade da actividade que se desenvolve nestas áreas, sen que se vexan afectadas por circunstancias como as baixas laborais, a chegada de períodos vacacionais ou o incremento puntual das tarefas que teñen asignadas.

Alvarellos Fondo engadiu tamén que “estas bolsas teñen unha vocación permanente, xa que queremos que se constitúan como un recurso ordinario máis para garantir o bo funcionamento da Institución, polo que se someterán a unha revisión anual co fin de refrescar os datos das persoas inscritas, incorporar solicitudes ou engadir outros perfís”.

“Son, xunto co resto de medidas adoptadas polo Executivo de Lara Méndez, como a entrada en vigor da RPT ou a convocatoria das OPEs, outro paso máis para mellorar a atención que a Institución local presta á veciñanza, posibilitando a provisión dos postos de traballo que poidan atoparse vacantes nun momento dado”, destacou a tenente de alcaldesa quen tamén anunciou que esta mesma semana a Xunta de Goberno Local aprobou as bases específicas de 6 procesos selectivos para a cobertura doutras tantas prazas, convocadas por concurso ou concurso - oposición para a estabilización de emprego temporal, para Técnico/a de Turismo, Celador/a Ceip (2 prazas, unha reservada para persoas con discapacidade), Oficial Sepultureiro/a, Técnico/a Medio/a de Xestión e Axudante de Cociña.

Audio

  • A edil de Gobernanza, Paula Alvarellos, sobre as Bolsas de Emprego | Descargar mp3

Noticias relacionadas