Nenos e nenas de tres colexios da cidade participan nun encontro de participación infantil

A Alcaldesa presidiu o encontro, no que participaron alumnos e alumnas de sexto de primaria dos colexios Franciscanos, Galén e Divino Maestro

Os rapaces e rapazas propuxeron a creación dun novo parque infantil na cidade ou que o Concello continúe apostando pola acollida das persoas refuxiadas

Xoves, 15 de decembro de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Nenos e nenas de tres colexios da cidade participan nun encontro de participación infantil

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, presidiu este xoves no Salón de Plenos un encontro de participación infantil, organizado por UNICEF e en colaboración co Concello, para conmemorar o Día Internacional da Infancia. Este foro, no que participaron alumnos e alumnas de sexto de primaria de tres colexios da cidade, pretende recoller propostas a prol da infancia. Ao acto tamén asistiron o Concelleiro de Educación e Infraestruturas Urbanas, Manuel Núñez, a presidente de UNICEF en Lugo, Mar Maseda, e outros membros da Corporación Municipal.

“Con este encontro queremos render homenaxe á Convención de Dereitos dos Nenos, polo que xa celebramos os 27 anos dende que foi aprobada o 20 de novembro de 1989”, destacou a Alcaldesa, quen fixo fincapé “na importancia da participación, en todos os ámbitos, para a consecución dos dereitos fundamentais de todos os rapaces e rapazas do mundo”.

A rexedora explicou que “o Concello busca que todos os nenos, nenas e adolescentes lucenses vexan cumpridos no seu municipio todos os dereitos recollidos nesta convención e nas normas internacionais e, intentar deseñar unha cidade amiga da infancia, onde as súas opinións sexan tidas en conta á hora de programar futuras actuacións.

Pola súa parte, Mar Maseda agradeceu “a aposta do Concello polos dereitos da infancia e a colaboración que sempre lle prestou a UNICEF, unha organización que cumpre agora 70 anos”, e tamén quixo destacar a participación dos centros educativos neste programa.

Colexios participantes

Neste encontro participaron alumnos e alumnas de sexto de primaria dos colexios Franciscanos, Galén e Divino Maestro, que presentaron diferentes propostas e preguntas á Alcaldesa. Neste senso, os nenos e nenas propuxeron a creación dun novo parque infantil na cidade ou que o Concello continúe apostando pola acollida das persoas refuxiadas.

Compromiso coa infancia

O Concello de Lugo, sensibilizado coa protección dos dereitos da infancia e da adolescencia, puxo en marcha o I Plan Integral Municipal de Infancia e Adolescencia para os anos 2011- 2015, onde se recolleron todos os programas e actuacións desenvolvidas dende distintas áreas municipais. Este plan estaba fundamentado nos principios de interese superior do menor, transversalidade, igualdade de oportunidades, integración e o principio de participación. Os menores teñen dereito a asumir un papel activo e protagonista no seu entorno, debendo ofrecerlles a oportunidade de participación na sociedade.

Multimedia

  • Nenos e nenas de tres colexios da cidade participan nun encontro de participación infantil

Noticias relacionadas