O campo municipal de fútbol O Polvorín acolle mañá o IX Torneo de Fútbol 7 para árbitros de fútbol e fútbol sala

Miguel Fernández, Pablo Rivera e Óscar Carballo presentaron a nova edición desta competición, que arrincara mañá ás 10:30 horas. Ás 20:00 horas terá lugar a final

Para este torneo cóntase coa presenza de árbitros en activo do fútbol profesional de diferentes puntos da xeografía nacional, así como algún ex árbitro internacional

Luns, 05 de decembro de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O campo municipal de fútbol O Polvorín acolle mañá o IX Torneo de Fútbol 7 para árbitros de fútbol e fútbol sala

O Concelleiro de Deportes, Miguel Fernández, o Deputado de Deportes, Pablo Rivera, e o vogal do colectivo organizador do IX Torneo de Fútbol 7, Peña 9,45, Óscar Carballo, presentaron este luns este campionato deportivo para árbitros de fútbol e fútbol sala, que acollerá mañá martes, 6 de decembro, o campo municipal de fútbol O Polvorín.

Na presentación, Fernández destacou o gran labor que realizan os árbitros no deporte do fútbol, “moitas veces ingrata e pouco recoñecida”, ao tempo que subliñou que este tipo de eventos perseguen a unidade e o compañeirismo entre os membros deste colectivo.

Pola súa banda, Pablo Rivera fixo mención á transcendencia acadada por este torneo, logo de ter chegado xa á súa novena edición. “Se algo perdura no tempo é síntoma de que está a funcionar”, manifestou o Deputado Provincial.

Óscar Carballo, tras dar as grazas ás institucións e empresas colaboradoras, invitou a todos os lucenses amantes do fútbol a acompañar aocolectivo arbitral nesta xornada festiva, onde o menos transcendente é o resultado final, e onde o importante é o bo ambiente entre os participantes.

Esta competición, que acada xa a súa novena edición, está organizada pola Peña 9,15, asociación fundada no ano 2003 en Lugo, formada por persoas vinculada ó mundo arbitral da nosa cidade. Esta edición será a primeira que se celebre nestas datas, dada a imposibilidade de facerse, como en citas anteriores, na última fin de semana do ano por coincidir coa Noiteboa e Nadal.

Para este torneo cóntase coa presenza de árbitros en activo do fútbol profesional de diferentes puntos da xeografía nacional, así como algún ex árbitro internacional. Haberá, polo tanto, representantes de toda Galicia, Castela León, Cantabria e Cataluña, contando coma novidade este ano coa presenza de representantes de Tenerife ou da Comunidade Valenciana.

En palabras dos propios organizadores, “o fin do torneo é vivir unhas xornadas de convivencia e benestar nun ambiente e entorno agradable, fomentando a gran unión existente no colectivo arbitral”.

A fase de grupos arrincará mañá ás 10:30 horas e rematará ás 18:15 horas da tarde. As semifinais serán ás 19:00 horas, dando comezo a final ás 20:00 horas.

Noticias relacionadas