O campus de Lugo recibe este semestre 80 alumnos estranxeiros procedentes de 17 países de África, América, Asia e Europa

Lara Méndez, Álvaro Santos e Javier Bueno ofrecéronlle este xoves unha recepción de benvida ao estudantado foráneo. Primeiramente visitaron a Casa do Saber, logo a Casa Consistorial e, por último, o Pazo de San Marcos

Xoves, 21 de setembro de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O campus de Lugo recibe este semestre 80 alumnos estranxeiros procedentes de 17 países de África, América, Asia e Europa

O Campus Terra da USC formalizou xa este curso a matrícula de 80 estudantes internacionais procedentes de 17  países de Europa (Portugal, Italia, Francia, Alemaña, Reino Unido, e Turquía), América (México, Colombia, Venezuela, Ecuador, Arxentina, Brasil, Perú), África (Arxelia e Túnez) e Asia (Xordania e India). Ademais desta cifra de estudantes internacionais, tamén recalaron este semestre nos centros universitarios lugueses outros 7 alumnos de intercambio chegados doutras universidades españolas a través do programa SICUE. Unha ampla representación deste estudantado foráneo participou este xoves na xornada de acollida Welcome Day, celebrada no auditorio da Casa do Saber de Lugo.

A maioría dos universitarios internacionais que ampliarán a súa formación no Campus Terra da USC chegaron a Lugo a través de distintos convenios bilaterais entre a USC e as súas universidades de orixe  (43 estudantes), ou do programa Erasmus (22). Ademais, cómpre sinalar que 5 universitarios/as formalizaron a súa matrícula nas distintas facultades e escolas universitarias do Campus Terra logo de acollerse ao programa Erasmus+ International Credit Mobility KA107, mentres que outros dez fixérono a través do PATEX.

As estatísticas de alumnado internacional no Campus Terra da USC, unha cifra que de seguro medrará de xeito sensible ao longo do segundo semestre coa chegada de novos estudantes estranxeiros, constatan o progresivo grao de internacionalización da sede universitaria luguesa, que neste primeiro semestre do curso 2017-18 xa recibiu un 14% máis de alumnado estranxeiro que o contabilizado durante o mesmo período do pasado exercicio académico.

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, o Deputado de Relacións Institucionais, Álvaro Santos, e o Vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo, Javier Bueno, ofrecéronlle este xoves unha recepción de benvida ao estudantado foráneo no auditorio da Casa do Saber, no marco dun acto que congregou medio centenar de estudantes universitarios.

O saúdo de benvida ao alumnado e a presentación da oferta de servizos á que poden acceder os integrantes do Campus Terra da USC marcou o comezo dun acto no que, entre outros, tamén participaron como relatores representantes do Centro de Linguas Modernas e do Servizo de Relacións Exteriores da USC.

Unha vez rematada a sesión, os alumnos e alumnas convocados/as, acompañados da vicerreitora de Servizos Universitarios do campus de Lugo, Carme Silva Domínguez, ademais doutros responsables universitarios, acudiron ao consistorio de Lugo para participar na recepción brindada polo Concelleiro de Educación e Infraestruturas Urbanas, Manuel Núñez. A continuación, a delegación universitaria acudiu ao Pazo de San Marcos, onde os responsables do Goberno da Deputación de Lugo tamén ofreceron un acto de acollida a este grupo de universitarios internacionais.

Xa de volta na Casa do Saber, o alumnado tivo a ocasión de percorrer a Domus do Mitreo. Asemade, técnicos do Servizo de Participación e Integración Universitaria (SEPIU) da USC no Campus Terra  acompañou aos estudantes estranxeiros na actividade de emparellamento cos seus respectivos buddies, alumnos e alumnas do campus lucense encargados de acompañar ao alumnado internacional durante todo o curso a fin de favorecer a súa integración na universidade e na cidade de Lugo. 

Multimedia

  • O campus de Lugo recibe este semestre 80 alumnos estranxeiros procedentes de 17 países de África, América, Asia e Europa

Noticias relacionadas