O Concello acondiciona o camiño das Regas da Fervedoira en resposta das demandas veciñais

Manuel Núñez supervisará as actuacións de mellora, que contan cun orzamento de máis de 4.000 euros

Martes, 15 de marzo de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello acondiciona o camiño das Regas da Fervedoira en resposta das demandas veciñais

O Concelleiro de Educación e Infraestruturas Urbanas, Manuel Núñez, supervisará este martes pola tarde as obras que vén de iniciar o Concello co fin de acondicionar o Camiño das Regas da Fervedoira. Os traballos, que contan cun orzamento de máis de 4.000 euros, consisten no varrido da superficie deste camiño, de máis de 200 metros, así como na retirada de escombros para proceder ao seu bacheo con grava, estendida e compactada, que se finalizará cun triple tratamento superficial de rega de emulsión, “unha intervención coa que ademais de mellorar o tránsito de vehículos damos resposta ás peticións veciñais”, subliñou o Concelleiro. As obras, que comezaron no día de hoxe, estarán rematadas ao longo desta semana.

Manuel Núñez destacou que dende o equipo de Goberno o que se pretende con estas actuacións é que os veciños e veciñas do municipio teñan uns accesos dignos, independentemente de onde residan. “Continuaremos levando a cabo actuacións coma esta, que aínda que pequenas, teñen gran repercusión na vida diaria dos usuarios”, subliñou o edil ao tempo que indicou que esta vía soporta un tráfico de vehículos importante, debido ao paso de camións e maquinaria agrícola.

Deste xeito, esta nova medida súmase a outras que acometeu ou está a acometer o Concello en distintos puntos da cidade nas últimas semanas como a substitución do arboredo na rúa Ramiro Moure, o arranxo do colector de saneamento da rúa da Rocha, o acondicionamento da zona infantil de Catasol, a instalación de bancos nos barrios do Sagrado Corazón e da Residencia ou diversas actuacións para mellorar a accesibilidade na cidade.

Noticias relacionadas