O Concello de Lugo executará este xoves a mellora do firme prevista na rúa San Marcos

Esta intervención, de carácter provisional, contempla o nivelado da capa de rodadura con fomigón rápido que será cuberto con planchas de ferro durante 48 horas para garantir o seu correcto fraguado.

O acceso aos garaxes desta vía estará habilitado por Bolaño Rivadeneira ata as 22 horas mentres que a rúa Teatro funcionará como entrada e saída ata Santo Domingo. A Policía local regulará o tráfico en ambas localizacións.

Mércores, 10 de xaneiro de 2024
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concello de Lugo abordará este xoves a mellora do firme prevista na rúa San Marcos. Os traballos consisten no arranxo das fochancas existentes no tramo incial, medio e final desta vía e na sinalización horizontal dunha zona para tánsito exclusivo de peóns de máis de dous metros de ancho na marxe esquerda da calzada. A planificación contempla o nivelado da capa de rodadura con fomigón rápido que será cuberto con planchas de ferro durante un periodo 48 horas para garantir o seu correcto fraguado. Esta intervención ten un carácter provisonal, xa que a medida que avance o proxecto Corazón Verde, unha vez eliminado o tráfico que agora asume esta vía, colocaranse losetas de nova factura que substitúan ás afectadas.

Os traballos, que implican o corte da vía no seu tramo inicial, foron planificados para que se executen entre as 21.00 e as 01.00 horas aproveintando a redución do tráfico nesta franxa horaria co obxectivo de causar as menores molestas posibles tanto ao conxunto da cidadanía como aos sectores hostaleiro e comercial. O acceso aos garaxes de San Marcos estará habilitado en todo momento. Nunha primeira fase por Bolaño Rivadeneira, ata as 22.30 horas, e posteriormente pola rúa Teatro. Así mesmo, esta rúa funcionará como entrada e saída ata Santo Domingo. Pola súa parte, o acceso ao aparcadoiro da praza do Ferrol quedará establecido por Bolaño Rivadeneira mentres dure a intervención. A Policía local regulara o tráfico en ambas localizacións a través dun operativo especial que contará 5 indicativos desplegados de forma exclusiva a esta tarefa.

Os técnicos municipais programaron a intervención para esta semana considerando as previsións meteorolóxicas favorables e aproveitando a conclusión das festas de Nadal, para non interferir así na intensa actividade que se xerou durante esas datas na zona centro. Dende o Goberno local lémbrase que o acceso ao Centro Histórico está restrinxido ao estritamente necesario segundo o establecido, comunicado e sinalizado, con respecto á carga e descarga, residentes e traballadores/as, xunto coa utilización dos aparcadoiros soterrados, tratando de conciliar todos os usos como pode ser o traslado de mercadorías ou a entrada e saída ás vivendas e establecementos e en consonancia xa coa futura implantación da Zona de Baixas Emisións.

Noticias relacionadas