O Concello de Lugo habilitará en febreiro unha Plataforma para favorecer a transparencia e a participación nos contratos menores

A aplicación, aberta á consulta pública, permitirá crear un rexistro de licitadores no que poderán inscribirse as empresas que desexen ser notificadas da apertura e avance dos procedementos.

A medida, enmarcada no Plan de Acción da Alcaldía, persegue, segundo Lara Méndez, “favorecer a concorrencia e a igualdade de oportunidades e mellorar a publicidade das convocatorias municipais”.

Os e as usuarias disporán dun titorial e dunha liña de soporte gratuíto para resolver calquera dúbida sobre o seu funcionamento.

Martes, 08 de febreiro de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello de Lugo habilitará en febreiro unha Plataforma para favorecer a transparencia e a participación nos contratos menores

Incrementar a transparencia, favorecer a concorrencia e garantir a igualdade de oportunidades. Son os tres obxectivos cos que o Executivo de Lara Méndez ultima a posta en marcha, este mesmo mes de febreiro, dunha Plataforma de Contratación Municipal.

A iniciativa enmárcase no Plan de Acción da Alcaldía deseñado a inicios de mandato para modernizar a Administración local, especialmente naqueles aspectos que gardan relación coa simplificación e coa eficacia dos procedementos burocráticos ou que repercuten de xeito directo na mellora das relacións coa cidadanía.

“Logo do diagnóstico que a Intervención xeral fixo sobre o funcionamento do Concello o equipo económico artellou toda unha batería de medidas correctoras que, partindo primeiramente da ordenación do persoal, se centran agora en habilitar novos mecanismos que permitan asumir con maior dilixencia os procesos de contratación, facturación e contabilidade local, sempre coa vocación de ser máis áxiles, máis accesibles e máis próximos á veciñanza”, sinalou a rexedora.

Así, Lara Méndez aludiu, entre outras actuacións, á implantación dun modelo de seguimento da actividade relacionada coa elaboración dos pregos de prescricións técnicas dos diferentes procedementos de adxudicación así como á avaliación trimestral que se realiza dos contratos menores. “Pasos dados e que agora completamos coa publicación desta Plataforma coa que pretendemos propiciar a participación nos concursos públicos sabedores de que esa competitividade aberta servirá tamén para rendibilizar os recursos económicos que investimos na adquisición de bens, servizos e/ou prestacións”, afirmou a alcaldesa.

Pola súa banda, a concelleira de Gobernanza, Paula Alvarellos, explicou que esta nova ferramenta dixital será “sinxela e moi intuitiva no seu manexo de maneira que calquera persoa poida acceder a ela para realizar consultas, informarse das bases de contratación, ou inscribirse nas adxudicacións en curso. Permitirá ademais a creación dun rexistro de licitadores que poderán inscribirse naquelas categorías que se correspondan coa actividade que desenvolven ou na que teñan interese, de maneira que, mediante un sistema de alertas, serán notificados da apertura de novos procedementos así como dos avances que se produzan neles”.

A edil adiantou, tamén, que as empresas terán á súa disposición unha liña de soporte gratuíto e un número de teléfono de contacto para resolver calquera dúbida, alén dun vídeo explicativo que exercerá de titorial para empregar o novo sistema.

“Esta Plataforma suporá ademais un salto cuantitativo en materia de control e rigorosidade, de forma que, trala tramitación ordinaria que segue agora calquera contratación de tipo menor, dende a área de Intervención se executará un último trámite de comprobación a fin de supervisar os aspectos formais da mesma para ratificar a súa correción antes de crear a nova licitación”, abondou Alvarellos Fondo.

A responsable de área económica referiu asemade que “o desenvolvemento interno da aplicación se atopa xa moi avanzado. “Este próximo venres está previsto que comece a preparación, en distintos niveis, dos empregados e empregadas municipais, conforme á usabilidade que fixeron deste tipo de procedementos no último ano e coa finalidade de formalos no seu manexo pero tamén de incorporar todas aquelas suxestións e apreciacións que posibiliten perfeccionar o seu funcionamento antes de poñela a disposición das empresas”.

“Cómpre enxalzar, así mesmo, o labor realizado polo Servizo de Informática como encargado de habilitar o desenvolvemento tecnolóxico da aplicación, en tanto obrigou á creación de novos campos, padróns de notificación, etc, imprescindibles para instrumentar o programa”, subliñou a tenente de alcaldesa ao tempo que destacou que o Concello de Lugo será unha das poucas Administracións locais do país en contar cun sistema tan informatizado.

“Trátase, en definitiva, de pular pola publicidade, de fomentar a igualdade e de abaratar custos, cumprindo con nota os preceptos da normativa en vigor, fornecéndonos para iso de todos aqueles mecanismos que avalen a pulcritude da función pública”, concluíu Paula Alvarellos.

Audio

  • A concelleira de Gobernanza, Paula Alvarellos, sobre a Plataforma de Contratación | Descargar mp3

Noticias relacionadas