O Concello de Lugo incorpórase á Rede Innpulso como municipio español referente no ámbito da ciencia e a innovación

A adhesión a esta asociación aprobouse no último Pleno municipal logo de que o Goberno central distinguira neste ano a Lugo como “Cidade da Ciencia e da Innovación”.

Coa súa incorporación á devandita rede, o Concello de Lugo poderá acceder ás axudas de 10 millóns de euros do Ministerio para contratar axentes locais de innovación.

Xoves, 10 de agosto de 2023
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello de Lugo incorpórase á Rede Innpulso como municipio español referente no ámbito da ciencia e a innovación

O Pleno municipal aprobou na súa última sesión a incorporación do Concello de Lugo á Asociación Rede Innpulso (ARINN), un foro de encontro de todos aqueles municipios distinguidos co galardón "Ciudad da Ciencia e a Innovación", que outorga anualmente o Ministerio de Ciencia e Innovación, coa finalidade de avanzar na definición e aplicación de políticas locais innovadoras.

Así, o obxectivo da ARINN é recoñecer e impulsar as actuacións que en materia de ciencia e innovación realizan as administracións locais, propiciar a colaboración entre os concellos pertencentes á Rede, mellorar o seu potencial innovador e servir de modelo a outros municipios para contribuír ao cambio do modelo produtivo cara a un modelo económico e social sostible, baseado no coñecemento e a innovación.

Neste senso, Lara Méndez subliñou que “para nós é un orgullo formar parte desta rede, a través da que achegar, na medida do posible, as nosas boas prácticas, pero, sobre todo, para seguir aprendendo e desenvolvendo accións no noso territorio encamiñadas a mellorar a calidade de vida da veciñanza”.

O Ministerio concedeu neste 2023 a distinción de ‘Ciudad da Ciencia e a Innovación’ a dez novas localidades, entre as que se atopa Lugo, xunto a Algemesí (Valencia), Castelldefels (Barcelona), Irún (Guipúscoa), Puerto Real (Cádiz), Riba-Vermella de Turia (Valencia), Rubí (Barcelona), Sagunto (Valencia), L'Hospitalet de Llobregat (Bacelona) e Vitoria Gasteiz (Áraba).

A ‘Rede Innpulso’ é un foro de encontro e de definición de políticas locais innovadoras e un espazo onde se comparten boas prácticas na súa xestión e na das iniciativas de comunicación para trasladar estes proxectos á cidadanía. Esta Rede é un axente cada vez máis activo de promoción de novas accións, como a compra pública de innovación, o apoio ás pemes e os emprendedores e a definición de criterios. Tamén promove e apoia a participación en proxectos no contexto dos programas europeos.

Axudas para a contratación de axentes locais de innovación

Por outra banda, cómpre subliñar que o Ministerio de Ciencia e Innovación está a destinar 10 millóns de euros para a incorporación de axentes locais de innovación nos concellos da ‘Rede Innpulso’. Deste xeito, grazas á súa incorporación na devandita rede, o Concello de Lugo poderá acceder ás axudas para contratar persoal cualificado nesta materia.

Multimedia

  • O Concello de Lugo incorpórase á Rede Innpulso como municipio español referente no ámbito da ciencia e a innovación

Noticias relacionadas