O Concello de Lugo organiza unha visita para noventa nenos á exposición de El Señor de los Anillos

Martes, 13 de novembro de 2007
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Concellería de Muller e Servizos Sociais, dirixida por Carmen Basadre, organiza tres excursións á exposición de El Señor de los Anillos que ten lugar na fundación Caixa Galicia de A Coruña.

Trátase dunha iniciativa enmarcada dentro das actividades de verán organizadas polo departamento que dirixe Basadre. Nesta ocasión as excursións, que son completamente gratuítas, realízanse coa colaboración de Caixa Galicia.

É unha forma máis de contribuir á educación dos rapaces e ocupar o seu tempo libre en actividades culturais, un dos obxectivos básicos da Concellería de Muller e Servizos Sociais.

Nesta ocasión, a exposición que está a ter un gran éxito de público, explica o proceso de elaboración e caracterización das personaxes creadas por Tolkien e que participaron nas tres partes do filme El Señor de los Anillos.

Con esta excursión ademais de achegalos ó mundo do cine e da arte, coñecen o mundo da literatura fantástica creado polo escritor sudáfricano John Ronald Reuel Tolkien.

Nas viaxes participarán 90 nenos, de entre 4 e 12 anos, das ociotecas municipais de Lugo. Os días 14, 16 e 17 de agosto, sairá un autobús dende as aulas da Milagrosa, Fontiñas e Uxío Novoneyra en dirección á Coruña. Na sede da Fundación Caixa Galicia da cidade herculina, haberá un guía que lles explicará ós cativos a exposición de El Señor de los Anillos.

Noticias relacionadas