O Concello entrégalle á Xunta planos de todas as parcelas municipais para construír “a tan necesaria e demandada residencia da terceira idade”

Miguel Fernández rexistrou este xoves as fotografías e os planos dunhas 14 parcelas diseminadas por toda a cidade, tras recibir unha carta co compromiso firme do Conselleiro de Política Social

O voceiro reiterou a petición que lle fixera a Alcaldesa ao Conselleiro, e convídao de novo a visitar in situ as localizacións dispoñibles, para, dun lado, ver o necesario da infraestrutura, e doutro, elixir a máis adecuada

Xoves, 07 de xullo de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello entrégalle á Xunta planos de todas as parcelas municipais para construír “a tan necesaria e demandada residencia da terceira idade”

O voceiro municipal, Miguel Fernández, presentou este xoves no rexistro da Xunta de Galicia fotografías e planos de todas as parcelas dotacionais, unhas 14, diseminadas por toda a cidade, das que dispón o Concello para poñelas a disposición da Consellería de Política Social, para construír unha residencia de maiores na cidade. “Hoxe é un día moi importante para os veciños e veciñas de Lugo, que ven como a Xunta, por fin, fai caso a unha das nosas demandas e se compromete coa tan necesaria e demandada residencia da terceira idade”, subliñou Fernández, quen agradeceu a boa disposición da Xunta para que a cidade conte cun novo centro público de maiores. “Todo o que sexa traer infraestruturas que melloren os servizos de Lugo conta co noso beneplácito” asegurou o edil.

Fernández destacou que despois de numerosas xestións da Alcaldesa, “que se caracteriza pola súa insistencia, chamando a todas as portas para traer os investimentos necesarios para Lugo”, o Conselleiro Rei Varela remitiunos unha carta mostrándonos que o seu compromiso é en firme e que lle acheguemos todas as parcelas dispoñibles para executar o investimento.

E así o fixo esta mañá o voceiro municipal, quen asegurou que aínda que chega tarde este compromiso é unha inversión moi necesaria, ao tempo que lembrou que dende hai 40 anos non se creou nin unha soa praza pública de residencias para os maiores en Lugo, tendo o municipio máis de 21.000 persoas maiores de 65 anos, e sendo a ratio de prazas residenciais por habitante maior de 65 anos do 1,6% fronte, por exemplo, ao 2,5% de Santiago. “Isto é unha boa mostra do necesario que é para Lugo e para a nosa Alcaldesa darlle unha resposta aos que máis nin menos son os que contribuíron ao desenvolvemento da nosa cidade e o noso país, e que hoxe necesitan dunhas institucións que velen por eles”, confirmou o voceiro, ao tempo que aproveitou para reiterar a petición que lle fixera a Alcaldesa a Rei Varela, convidándoo de novo a desprazarse a Lugo e ver in situ as posibles localizacións, para, dun lado, ver o necesario da infraestrutura, e doutro, elixir a máis adecuada.

Audio

Noticias relacionadas