O Concello renova a colaboración coa Feira Medieval de Fontiñas, que celebra a súa 6ª edición esta fin de semana

A Alcaldesa, xunto á presidenta e a secretaria da Asociación de Hostaleiros de Fontiñas, presentaron o encontro, que reunirá de venres a domingo 70 postos de toda España e inclúe un variado programa de actividades para todas as idades

Lara Méndez, que pregoará este ano a feira, animou aos lucenses e veciños doutros concellos a acudir a unha cita “xa consolidada, que dinamiza e xera actividade económica na cidade”    

Luns, 27 de marzo de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello renova a colaboración coa Feira Medieval de Fontiñas, que celebra a súa 6ª edición esta fin de semana

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, a presidenta da Asociación de Hostaleiros de Fontiñas, Tamara Seguín, e a secretaria do colectivo, Elena López, presentaron este luns no Salón de Plenos a 6ª edición da Feira Medieval de Fontiñas, que se celebrará a vindeira fin de semana, do venres 31 de marzo ao domingo 2 de abril. O Concello colabora coa instalación e montaxe dos servizos eléctricos na organización desta cita “xa consolidada, que dinamiza Fontiñas e xera actividade económica”, subliñou a rexedora. No acto tamén estiveron presentes o responsable da empresa organizadora do evento, Anxo Fernández, e Antonio Rodríguez, do restaurante Cincuenta e Seis.

Lara Méndez felicitou aos organizadores, a Asociación de Hostaleiros de Fontiñas, por “impulsar esta iniciativa, coa que facedes barrio e facedes cidade” e por “elixir como temática o noso pasado medieval, pois se ben é certo que temos unha historia romana moi importante e posta en valor, non é menos relevante o noso pasado medieval”. A Alcaldesa recoñeceu que, se ben visita sempre a Feira Medieval, a deste ano “é moi especial para min porque os organizadores me destes a oportunidade de ser a pregoeira”. Méndez animou aos lucenses e veciños doutros concellos cia a achegarse esta fin de semana a Fontiñas para gozar da feira medieval e aos organizadores a continuar coa iniciativa.

A VI Feira Medieval de Fontiñas reunirá 70 postos de artesanía e alimentación chegados de toda España, dende a provincia lucense a Pontevedra, Asturias, Cantabria, Estremadura e Xaén. Xunto á exposición e venda inclúe un amplo e variado programa de actividades socioculturais para todas as idades: obradoiros artesáns (pedra, madeira e cestaría, entre outros), cetrería, tiro con arco, maxia e música. Conta ademais cun espazo especificamente destinado aos máis pequenos, o Rincón Infantil, con tiovivo medieval, cama elástica, barco, paseos en carro con poni, xogos e maxia. Os postos sitúanse no bulevar e na Praza estará a cetrería, o Rincón Infantil, o Barco Medieval e o tiro con arco.

Audios

Noticias relacionadas