O Goberno aproba a ordenanza municipal sobre o uso dos hortos urbanos

O Concello traballa actualmente na creación destes hortos no Parque dos Paxariños, dotado de 33 parcelas, 3.000 m2 e zonas comúns

Tentará proporcionar a cada usuario unha superficie mínima de 30 m2 e estarán destinados, principalmente, a persoas desempregadas, en risco de exclusión social ou maiores de 65 anos

A Xunta de Goberno outorgou licenza para reforma e ampliación do CEIP As Mercedes. O orzamento ascende a 310.170 euros e o prazo de execución é de 24 meses

Mércores, 14 de xuño de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Goberno aproba a ordenanza municipal sobre o uso dos hortos urbanos

A Xunta de Goberno aprobou este mércores a ordenanza municipal reguladora do uso dos hortos urbanos, que posteriormente deberá ser ratificada polo Pleno. Así o anunciou o Voceiro Municipal, Miguel Fernández, na rolda de prensa posterior á xuntanza, onde avanzou que esta ordenanza contempla tanto o regulamento como as condicións que rexerán na utilización destes hortos, dende non empregar ningún produto químico de síntese ata non utilizar materais que non sexan respetuosos co entorno.

Entre os requisitos de adxudicación, as persoas interesadas deben estar empadroadas no municipio, ser maiores de idade, non posuír outras parcelas agrícolas ou ser dono doutros terreos de natureza rústica no Concello, entre outros. Poderase permitir o acceso e uso dos hortos urbanos a outras persoas a través da sinatura de convenios específicos de colaboración con entidades de carácter social ou educacional sen ánimo de lucro.

A ordenanza establece que as persoas concesionairas dos hortos destinarán os terreos ao cultivo e plantación de especies vexetais e terán prohibido adicar o seu cultivo para fins comerciais, así como instalar barbacoas, queimar restos de cultivo, ou ceder o uso a terceiras persoas. O incumprimento dalgunha destas condicións provocará multas de entre 60 a 30.000 euros, ou incluso a revogación da autorización de uso.  

O Concello traballa actualmente na creación destes hortos urbanos no Parque dos Paxariños, dotado de 33 parcelas, 3.000 m2 e zonas comúns. Son uns hortos con función de autoconsumo, para contribuír a favorcer os hábitos saudables, centrados na produción ecolóxica, e, que se situarán na ladeira entre a Ronda das Fontiñas e o paseo fluvial do Rato, a carón do barrio de Xuíz.

A actuación engloba a 3.000 m2, dos que se empregarían para cultivo 1.085 m2, cunha zona de entrada, con espazo para aparcadoiro de vehículos e unha caseta de madeira, de acordo co entorno, para apeiros e material. Estará formado por 33 hortos, con pantallas vexetais para separalos e diferencialos dos viais. Ademais, terá fontes de rega, adaptadas ao entorno, e mesas e bancos de uso público. “Trátase, pois, de humanizar, darlle vida e acondicionar unha zona deste parque”, asegurou o edil, quen afirmou que dito sistema de hortos urbanos suporá unha inversión de 60.000 euros. Entronca ademais coa aposta do Goberno de traballar a prol dunha contorna sostible, na que a realidade urbana e a rural convivan en harmonía, así como de recuperar espazos urbanos para o seu uso público e fomentar a participación cidadá. 

O Concello tentará proporcionar a cada usuario unha superficie mínima de 30 m2 e estarán destinados, principalmente, a persoas desempregadas, en risco de exclusión social ou maiores de 65 anos.

Licenza CEIP As Mercedes

Tal e como asegurou Fernández, a Xunta de Goberno outorgou licenza urbanística para reforma e ampliación do CEIP As Mercedes, para a dotación de 4 aulas máis e mellorar as súas condicións de accesibilidade, con ascensor e rampas de acceso dende a vía pública. O orzamento ascende a 310.170 euros e o prazo de execución é de 24 meses.

Control da calidade da auga e transcrición de actas

Na sesión deste mércores acordouse sacar a contratación o control da calidade da auga de consumo humano na billa do usuario, auga das fontes públicas non conectadas á rede de abastecemento e das piscinas municipais de uso público. Tamén se deu luz verde a contratar o servizo de transcrición de actas do pleno e das comisións do pleno. A duración de ambos contratos é dun ano prorrogable por outro, e o orzamento ascende a 13.800 euros no primeiro dos casos e 13.500 no segundo. O prazo de presentación de proprosicións será para ambas as dúas contratacións de 15 días dende a publicación no Boletín Oficial da Provincia. Tamén se publicará o anuncio de licitación no perfil do contratante, na web do Concello, www.lugo.gal.

Outros asuntos

Entre outros asuntos, a Xunta de Goberno declarou en situación de ruína urbanística o inmboble número 27 da rúa San Eufrasio. As persoas propietarias teñen un prazo de 3 meses para o proxecto de demolición de dito inmoble. Así mesmo, acordou prorrogar o servizo de limpeza, reparación, mantemento e conservación das fontes ornamentais do Concello, entre a entidade local e Socamex S.A.U., ata o 31 de xullo de 2018 por un importe de 14.700 euros; e prorrogar o alugamento de 2 pisos na rúa Leiras Pulpeiro por un ano, así como actualizar a renda a pagar, que queda nuns 165 euros para un dos pisos, e 198 para outro.

Audios

  • Miguel Fernández sobre a Licenza do CEIP As Mercedes | Descargar mp3
  • Miguel Fernández sobre a Ordenanza aprobada | Descargar mp3

Noticias relacionadas