O Goberno Municipal pon en marcha un plan de recollida porta a porta de plásticos agrícolas

A Alcaldesa, acompañada do Concelleiro de Medio Rural e do delegado de Urbaser en Lugo, presentou este novo servizo municipal gratuíto, ao que se pode acceder mediante unha chamada tanto a Urbaser como ao 010

“Este Goberno quere reivindicar o dereito de vivir no rural e do rural. Por iso, é unha obriga para nós favorecer que os veciños do rural e que teñan as máximas facilidades para desenvolver a súa profesión”, subliñou Lara Méndez

Venres, 19 de agosto de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Goberno Municipal pon en marcha un plan de recollida porta a porta de plásticos agrícolas

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, deu conta este venres dun novo proxecto posto en marcha polo Goberno Municipal que permitirá a recollida diferenciada e individualizada de plásticos agrícolas porta a porta nas instalacións agrarias do Concello. “Trátase dunha nova iniciativa que nace da decisión de poñer á persoa no centro da actividade municipal”, asegurou a rexedora, ao tempo que subliñaba o dobre obxectivo desta mellora, tanto para facilitarlle a vida aos veciños e veciñas como para eliminar un problema ambiental, como é a aparición de vertedoiros incontrolados. A Alcaldesa deu a coñecer a iniciativa acompañada do Concelleiro de Deportes e Medio Rural, Miguel Fernández, e do delegado de Urbaser en Lugo, Jaime Martínez.

Tal e como adiantou Méndez, o gandeiro ou produtor pode acceder a este novo servizo municipal de xeito gratuíto, mediante unha simple chamada telefónica a Urbaser ou ao Servizo de Atención Cidadá 010, onde solicitará a recollida dos plásticos agrícolas. Nun período máximo de 15 días, Urbaser procederá á recollida na porta dos residuos e xestionará a súa trazabilidade, asegurándolle ao produtor que realiza a racionalización dos residuos, unha garantía gratuíta e a efectos legais do que el realmente fixo, tal e como informou Martínez.

“O Concello de Lugo é un concello rural e este Goberno quere reivindicar o dereito de vivir no rural e do rural. Por iso, é unha obriga para nós favorecer que os veciños de Lugo que residen no rural, e que ademais aproveitan as moitas potencialidades do noso entorno, teñan as máximas facilidades para desenvolver a súa profesión”, destacou a Alcaldesa.

O Concello, ao carón do rural
“Cando dicimos que o Concello é a administración máis próxima ao cidadán é por iniciativas deste tipo”, aclarou a rexedora, quen lembrou que a entidade local demostra con feitos que está ao carón do rural e ao lado do sector lácteo, ante o incumprimento por parte das administracións competentes na materia.

Esta medida do Concello non é illada, senón que suma a outras destinadas a favorecer aos gandeiros como a  bonificación do 90% no catastro para as explotacións gandeiras, preto de 500 de leite e de carne, e agrarias. Ademais, reforza o compromiso do Goberno Municipal co desenvolvemento sostible, que leva á entidade local a promover tanto o atractivo paisaxístico como o turístico do rural de Lugo. Con esta iniciativa, o Concello protexerá os 300 Km2 de extensión rural do noso municipio chegando aos 320 núcleos de poboación.

En resposta ás demandas veciñais
Pola súa banda, Miguel Fernández subliñou que esta nova medida, “moderna, eficiente, sostible e sen custo para os lugueses” atende a unha demanda que os veciños lle manifestan habitualmente tanto á propia rexedora como ao edil durante as súas visitas ás parroquias. “Queremos acercalles o servizo ás súas explotacións sen que se teñan que desprazar ata os puntos de acopio do Burgo, Santa María de Bóveda, San Xoán do Campo e Coeses”, que desaparecerán coa implantación desta iniciativa que lle ofrecerá unha maior comodidade aos veciños.

Noticias relacionadas