O obradoiro EmpregaTIC, que mellorará a inserción laboral de 15 lucenses desempregados no eido das TIC, arrincará a finais de setembro

A Xunta de Goberno deu luz verde á execución deste obradoiro, que conta cun orzamento de 130.800 euros. As bases para a selección dos beneficiarios publicaranse ao longo desta semana en www.lugo.gal

Na sesión deste mércores aprobouse a adxudicación do servizo do centro de día Antonio Gandoy por importe de 364.000 euros á empresa Innovación y Desarrollo Asistencial S.L.

Mércores, 27 de xullo de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Xunta de Goberno aprobou este mércores a execución do obradoiro de emprego denominado EmpregaTIC, grazas ao que 15 desempregados do Concello recibirán medio ano formación especializada no eido das TIC encamiñada a acadar un nivel adecuado de coñecementos para mellorar a súa inserción laboral. Así o deu a coñecer o voceiro municipal, Miguel Fernández, quen subliñou que se trata dun obradoiro que conta cun orzamento de 130.800 euros, subvencionado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria.

As bases para a selección dos dous docentes, o administrador e os 15 alumnos deste obradoiro, que segundo as previsións se desenvolverá etre o 26 de setembro e o 25 de marzo, publicaranse esta mesma semana na web do Concello, www.lugo.gal, así como no Taboleiro de Anuncios. Do mesmo xeito, pódense consultar chamando ao Servizo de Información Municipal 010. As persoas que queiran optar como alumnos a este obradoiro deben dirixirse ás oficinas de emprego. Para elo, deberán estar inscritos no Plan de Garantía Xuvenil. A selección terá lugar en agosto.

O obradoiro, mediante o cal o Concello pretende pór en valor o patrimonio documental, natural e histórico do municipio a través das TIC, ao tempo que facilita a formación dos lucenses, conta con dous módulos, Xestión de marketing e comunicación, para 8 alumnos e Desenvolvemento de produtos multimedia interactivos, para 7 alumnos. Entre as actuacións principais que se contemplan nas especialidades formativas a impartir no obradoiro atópase o deseño dun produto multimedia onde consultar os arquivos dixitalizados, a realización dun vídeo e dunha infografía, e a posta en marcha dun plan de marketing, así como eventos sobre cultura dixital, entre outros. Os participantes obterán os certificados profesionais homologados pola Xunta de Galicia para desenvolver estes traballos.

O EmpregaTIC dará continuidade aos tres últimos obradoiros que financiou ao Concello a Administración Autonómica: a Memoria da Cidade, Arqueo Lvcvs e Urbs Lvcvs, relacionados coa xestión documental, arquivo, dixitalización e catalogación do patrimonio histórico e cultural do que é titular o Concello de Lugo, que facilitaron mellorar a ocupabilidade de 70 persoas desempregada que contribuíron a atesourar 198 libros, 21.000 imaxes, 2.300 planos, máis de 3.200 fotografías e dixitalización 3D.

Centro de Día Antonio Gandoy

Por outra banda, a Xunta de Goberno aprobou adxudicar o servizo do centro de Día Antonio Gandoy á empresa Innovación y Desarrollo Asistencial S.L., por un importe de 364.000 euros e unha duración dun ano.

Audio

Noticias relacionadas