O vindeiro mércores abriranse as inscricións para a I Media Maratón Cidade de Lugo

A proba discorrera por un trazado de asfalto de catro voltas con saída na Praza do Ferrol e chegada no fondo da Praza Maior.

Domingo, 19 de marzo de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa

Este próximo mércores, 22 de Marzo, terá lugar a presentación da I Media Maratón Cidade de Lugo, organizada polo diario O Progreso en colaboración co Concello de Lugo.

Discorrerá por un trazado de asfalto de catro voltas con saída na Praza do Ferrol, en dirección á Rolda da Muralla e, que finalizará cunha volta polo adarve da Muralla, ata completar unha distancia próxima á dunha media maratón, con finalización no fondo da Praza Maior.

Esta será a primeira pedra dun proxecto que irá crecendo ano a ano e que seguramente se modificará en canto a trazado e dureza da proba para ir facéndoa máis accesible e apetecible a todo atleta que queira participar. Nace coa intención de asentarse no calendario atlético galego, como un referente de proba ao servicio do atleta, adaptándose, ano a ano, ás distintas necesidades do corredor.

Nesta presentación mostrarase a imaxe oficial da proba, dando os detalles que todo corredor quere saber, xunto coa información básica do regulamento en canto a categorías e trazado completo.

As inscricións abriranse o mesmo mércores pola tarde cun prezo alcanzable nun primeiro tramo, incrementándose a medida que se achega a data da carreira, ata completar a cifra máxima de 1500 atletas, límite posto pola organización para este tipo de probas.

A organización, entre outros, servicios habilitará unha zona de entrega de dorsais próxima á saída, así como a zona de vestiarios e duchas na zona próxima á meta.

A información completa da proba darase o día da presentación aos medios.

Noticias relacionadas