Pór en valor a contorna natural de Lugo, obxectivo do novo programa posto en marcha polo Concello a través do obradoiro Cultur@Lvcvs

As actividades, destinadas tanto aos centros educativos como centros socioculturais, asociacións e público en xeral, desenvolveranse entre o 19 de outubro e o 31 de xaneiro

Todos os interesados en participar nalgunha destas accións gratuítas, que inclúen actividades didácticas e rutas pola Vía Romana XIX e polo Camiño Primitivo, deberán envíar unha solicitude a obradoiro@concellodelugo.org

Venres, 16 de outubro de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concello de Lugo, a través do obradoiro de emprego Cultur@ Lvcvs, promove un programa de actividades gratuítas de interpretación e educación ambiental destinado tanto aos centros educativos como aos centros socioculturais, asociacións e público en xeral, coa finalidade de promover o coñecemento da contorna natural de Lugo e pór de manifesto o seu valor, non só ambiental, senón tamén como espazo de aprendizaxe e de lecer. Así o avanzou este venres a Concelleira de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico, Ana Prieto, quen anunciou que “estas accións, que inclúen diversas actividades didácticas así como a posibilidade de facer visitas interpretadas a diferentes tramos da Vía Romana XIX e do Camiño Primitivo ao seu paso por Lugo, desenvolveranse entre o 19 de outubro e o 31 de xaneiro”. Todos os interesados deberán envíar unha solicitude ao enderezo electrónico obradoiro@concellodelugo.org. A solicitude non supón a reserva de praza ata que sexa confirmada polo obradoiro e as reservas adxudicaranse por orde de recepción.

Os 23 beneficiarios do programa de inserción laboral Cultur@Lvcvs, que arrancou no mes de agosto e que rematará a finais de febreiro, organizan estas actividades ao tempo que melloran as súas posibilidades de acceder ao mercado laboral recibindo formación especializada en turismo, xestión cultural e educación ambiental, “apostas fundamentais do Concello para impulsar o crecemento socioeconómico de Lugo”, subliñou Prieto.

7 actividades de achegamento á contorna natural de Lugo

Estas accións inclúen un achegamento á contorna natural de Lugo a través de varias actividades. A primeira delas é As nosas árbores no outono, que discorrerá por Romeán co obxectivo de dar a coñecer as árbores autóctonas e identificar os froitos de outono do bosque. A segunda andaina é Outono nos sentidos, unha actividade que terá lugar no paseo do Miño, onde os participantes combinarán a exploración da natureza e a estimulación dos sentidos. Co terceiro paseo, ¿Cal será o meu lugar?, os participantes aprenderán no Parque de Rosalía de Castro a valorar a importancia da conservación do medio para a supervivencia de certos animais. Na cuarta acción, A volta ao mundo a través das árbores, os inscritos aprenderán a diferenciar as árbores autóctonas das foráneas; e coa quinta acción, Adiviña as regras do xogo!, os rapaces e rapazas apreciarán as vantaxes dos produtos de tempada e de proximidade.

Bacurín será a localización da sexta e da sétima actividade, rutas interpretativas e guiadas que discorrerán pola Vía Romana e polo Camiño Primitivo ao seu paso por Lugo.

Todas estas actividades terán unha duración de 60, 90 ou 150 minutos e neles participarán grupos de entre 10 e 50 persoas.

Máis información en www.lugo.gal ou no teléfono do obradoiro 982-29-74-79.

Audio

  • Ana Prieto, sobre o programa de actividades ambientais |Descargar mp3

Máis info

  • Programa de actividades ambientais |Descargar

Noticias relacionadas