Presentado o libro Elas, unha compilación de biografías de mulleres galegas, obra de Aurora Marco

Carmen Basadre, xunto á propia autora e o editor Xosé Manuel Calviño, presentaron o libro Elas e anunciaron a exposición que abre as súas portas esta tarde no MIHL

Venres, 16 de decembro de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Presentado o libro Elas, unha compilación de biografías de mulleres galegas, obra de Aurora Marco

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, presentou este venres o libro Elas, da escritora e investidora Aurora Marco, quen tamén estivo presente no acto de presentación e á que definiu coma “unha incansable defensora da reivindicación do espazo que tiveron as mulleres dentro da sociedade”. Así mesmo, asistiu o editor de dita publicación, Xosé Manuel Calviño, ao que a edil felicitou pola iniciativa de levar cabo este traballo feito, en exclusiva, por mulleres, que son as verdadeiras protagonistas deste compendio de historias.

Elas publicouse en edición especial e limitada, só 155 exemplares numerados e asinados con acta notarial, con serigrafías de 8 pintoras, de estilos diferentes, que ilustran a publicación.

Pola súa banda, Calviño agradeceu o interese mostrado polo Concello e polo traballo realizado, personalizado na Concelleira de Cultura, tanto pola presentación do libro como da exposición dos 38 cadros que compoñen a mostra que se abrirá ao público esta tarde no MIHL. Do mesmo xeito, destacou que esta obra nace pola necesidade que sentiu de amosar o labor das mulleres ao longo da historia, e para elo, segundo as súas verbas, “ninguén mellor que Aurora Marco", da que dixo que será recoñecida a súa labor por vindeiras xeracións,

A autora, Aurora Marco, fixo un percorrido pola súa historia vital, lembrando que dende fai uns anos tomou o rumbo de recuperar as traxectorias de grandes mulleres, ausentes, todas elas, nos libros de historia.

Dende Exeria, unha peregrina á Terra Santa, ata Lola de Penelas, unha oleira de Gundivós, do termo municipal de Sober, que morreu no 1968, Aurora Marco, tenta poñer en valor o papel determinante das mulleres dentro da nosa sociedade, da nosa cultura, incluso da nosa economía.

A realidade visual destas historias poderá gozarse no MIHL a partires de hoxe, grazas a unha exposición das pinturas realizadas polas ilustradoras deste libro.

Noticias relacionadas