22 novos emprendedores lucenses reciben apoio gratuíto para poñer en marcha a súa empresa grazas ao Inicia Coworking

A Alcaldesa e a Concelleira de Economía inauguraron a segunda fase do programa de impulso do emprendemento, desenvolvido polo Concello en colaboración coa Escola de Organización Industrial

A innovación e a especialización é o denominador común dos 22 beneficiarios, dende terapia ocupacional a uso de drons, impresión de compoñentes en 3D, produtos alimentarios, ou proxectos turísticos e educativos

Das 20 primeiras empresas que saíron da primeira edición, a metade xa están facturando e 6 instaranse no CEI Nodus

Mércores, 05 de xullo de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa
22 novos emprendedores lucenses reciben apoio gratuíto para poñer en marcha a súa empresa grazas ao Inicia Coworking

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e a Concelleira de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico, Ana Prieto, inauguraron este mércores no CEI Nodus a segunda fase do programa Inicia Coworking, na que 22 novos emprendedores e emprendedoras lucenses recibirán durante cinco meses de xeito gratuíto un apoio integral, individual e personalizado para lanzar con éxito o seu negocio, asegurando a súa viabilidade tanto técnica como financeira. Este plan está impulsado polo Concello, en colaboración coa Escola de Organización Industrial (EOI).

“Tras a boa acollida da primeira convocatoria, con 20 proxectos empresariais en marcha a día de hoxe, a metade deles xa facturando”, subliñou Lara Méndez, “arrancamos a segunda cunha gran acollida, pois presentáronse preto de 30 candidaturas, das que foron seleccionadas 22, todas cun denominador común: a innovación e a especialización”. Deste xeito, a rexedora explicou que as ideas de negocio a desenvolver nesta nova etapa do Inicia Coworking van dende deseño de interiores a terapia ocupacional, organización de eventos, utilización de drons no uso de fitosanitarios e control de pragas, impresión de compoñentes en 3D, produtos alimentarios (pan ecolóxico, castañas ecolóxicas, ovos campeiros...), proxectos turísticos ou educativos.

A Alcaldesa destacou a “solvencia e expectativas de futuro” das empresas que nacen ao abeiro do programa Inicia Coworking, como demostra que 6 das que saíron da primeira edición se vaian a instalar no viveiro de empresas do CEI Nodus.

Ecosistema emprendedor

Neste senso, Méndez incidiu que nesta nova etapa “aproveitamos a inercia da primeira edición para fortalecer o ecosistema emprendedor que xa de por si existe no CEI Nodus e que supón o propio Inicia Coworking, como espazo colaborativo a todos os niveis. A nova remesa de emprendedores poderá aproveitar sinerxias, intercambiar coñecementos e experiencias cos 20 emprendedores que saíron da primeira edición, aos que, precisamente con este fin, ofrecemos seguir utilizando o CEI e dos cales 6 se van a implantar de feito no viveiro de empresas. Todo este fluxo de coñecemento e experiencias materializarase no día a día, pero tamén a través dunha iniciativa en concreto: Apadriña un proxecto, grazas ao cal os coworkes da primeira edición acompañarán, motivarán e animarán no deseño e consolidación do seu modelo de negocio aos coworkers que entran agora”, explicou a Alcaldesa.

As empresas creadas, engadiu, “fortalecen e fan máis competitivo o tecido empresarial lucense. Ademais, crean emprego. Comezan autoempregando aos seus promotores e promotoras, pero a calidade e expectativas firmes de futuro xerarán un efecto multiplicador no mercado laboral, cumprindo así con un dos obxectivos fundamentais do Goberno local: as políticas de emprego, a través da formación, o apoio ao emprendemento ou os plans de emprego”. “6.798 veciños e veciñas de Lugo están no paro, polo que, dende o Concello, aínda non tendo as competencias neste eido, pois son da Xunta e o Estado, traballamos día a día para atraer novos proxectos e investimentos á nosa cidade que dinamicen o mercado laboral e axuden a eses 6.798 lucenses no paro a encontrar un posto de traballo”, asegurou.

Plantación dun castiñeiro

Tras un encontro da Alcaldesa e a Concelleira de Economía cos beneficiarios do programa Inicia Coworking, tanto da primeira como da segunda convocatoria, e cos seus mentores, procedeuse a plantar un castiñeiro no exterior do CEI Nodus, que simboliza as iniciativas empresariais que xerminaron na primeira edición. Deste xeito, plantaranse outras tres árbores ao remate das tres convocatorias que restan por desenvolver.

Audio

Noticias relacionadas