A Alcaldesa e o Presidente da Deputación presentan a nova programación de actividades para maiores do InLugo

“Non nos podemos permitir que o noso maior activo, que son os nosos maiores, queden excluídos da parte activa da sociedade, xa que aínda teñen moito que aportarlle”, asegurou Méndez no acto, ao que acudiron máis de 60 persoas

Mércores, 14 de setembro de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A Alcaldesa e o Presidente da Deputación presentan a nova programación de actividades para maiores do InLugo

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, participou esta mañá, xunto ao presidente da Deputación e da Fundación TIC, Darío Campos, na presentación dos novos cursos gratuítos do InLugo para maiores de 55 anos, que terán lugar no derradeiro trimestre de 2016. Unha oferta que inclúe máis cursos, varias novidades e máis presenza na provincia e na rúa.

Darío Campos anunciou a apertura de prazo para inscribirse nesta programación, que contempla 29 cursos gratuítos, cinco máis que no trimestre anterior, cun total de 393 prazas. Nesta liña, destacou a alta demanda que teñen estas actividades formativas sobre o emprego de novas tecnoloxías, e lembrou que na anterior tempada, cubríronse todas as prazas o mesmo día da apertura de prazo.

Pola súa banda, a Alcaldesa agradeceu á Deputación e á Fundación TIC “por creer e por apostar por Lugo”, xa que moitos dos cursos se levarán a cabo no municipio, así como a súa sensibilización co envellecemento activo, “que, como non podía ser doutro xeito, comparte o Goberno do Concello de Lugo. Apostamos pola promoción e o desenvolvemento de accións de autonomía persoal, capaces de mellorar a calidade de vida e o benestar das persoas maiores”, asegurou Méndez, quen aproveitou para poñer en valor o éxito de participación deste tipo de iniciativas.

“Nunca é tarde para aprender”, asegurou Méndez no acto, ao que acudiron máis de 60 persoas. “Non nos podemos permitir que o noso meirande activo, que son os nosos maiores, queden excluídos da parte activa da sociedade, xa que aínda teñen moito que aportarlle”, concluíu a rexedora, quen chamou á participación nestes cursos.

A nova tempada de cursos farán especial fincapé en dúas materias, o móbil e a fotografía. Ademais, o InLugo organizará 15 obradoiros e dúas conferencias sobre a importancia de mellorar as prácticas alimentarias a través das TIC. O InLugo ten preparadas varias saídas á rúa con diversas actividades para achegarlle á sociedade o traballo que desenvolven . Unha das máis próximas será un concurso de fotografía ao longo do San Froilán.

Multimedia

  • A Alcaldesa e o Presidente da Deputación presentan a nova programación de actividades para maiores do InLugo

Noticias relacionadas