A Alcaldesa informa aos veciños de Soto Freire que o Concello abrirá un paso peonil provisional na rúa

Méndez explicoulles nunha reunión que a entidade local non pode dispoñer da vía, xa que está cedida á adxudicataria das obras, polo que o Goberno tivo que negociar coa empresa para lograr a apertura, que se fará a partir do Arde Lvcvs

O Concello tratará “á maior brevidade posible de continuar coas obras de rehabilitación da rúa para abrila de forma definitiva”, afirmou a rexedora

Venres, 10 de xuño de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A Alcaldesa informa aos veciños de Soto Freire que o Concello abrirá un paso peonil provisional na rúa

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, xunto a voceiro municipal, Miguel Fernández, mantivo na mañá deste venres na casa consistorial unha reunión con veciños e veciñas da rúa Soto Freire na que a rexedora os informou de que o Concello abrirá un paso peonil de maneira provisional nesta vía para facilitar o acceso a partir do Arde Lvcvs. O paso habilitarase polo medio da rúa e terá uns dous metros de ancho. “Dado que durante o Arde Lvcvs a rúa paralela a Soto Freire está ocupada por un campamento, non iamos deixar incomunicadas dúas zonas da cidade nunhas datas tan especiais con tanta afluencia de xente e tanta interacción pola propia ubicación dos campamentos”, explicou a Alcaldesa, quen subliñou que o Goberno leva “semanas para darlle unha solución”.

Neste senso, Lara Méndez, precisou que, “como todos somos conscientes, incluso o Partido Popular debería selo, non temos capacidade de dispoñer da rúa Soto Freire, dado que hai unha cesión á constructora adxudicataria” das obras de rehabilitación do Vello Cárcere, que inclúen a reforma desta vía, polo que o Goberno tivo que “falar e negociar” coa firma “para chegar a acordos e poder facer a apertura”, unha medida que, ao contrario do que afirmou o Partido Popular, “non ten un custe cero, polo que, unha de dúas, ou se fala con total descoñecemento, co cal é unha responsabilidade por parte da oposición, ou o que é peor, tendo coñecemento desta situación, intenta contaminar aproveitándose do prexuízo que lles supón aos veciños” o corte da rúa.

Méndez apuntou tamén que, “sempre e cando non se chegara a un acordo coa constructora, porque, como digo, non estamos en disposición de actuar na rúa sen previo consentimento”, o Goberno “estaba traballando xa noutra solución alternativa”.

A Alcaldesa considera que o PP actuou “con oportunismo político, supoño que polas datas electorais nas que estamos, porque senón non lles preocuparía. Fano agora cando se lle vai a dar unha solución provisional e cando sabían que había unha reunión coa constructora e outra tamén xa concertada cos veciños para hoxe”.

A rexedora explicoulles aos veciños a solución puntual que o Concello implantará para facilitar o acceso na rúa, pero tamén a situación na que se atopa esta vía, pendente dun modificado do proxecto de acondicionamento, necesario tras a aparición dunha placa de formigón que non estaba contemplada inicialmente nas obras. Lara Méndez asegurou que o Concello “tratará á maior brevidade posible de continuar coas obras de rehabilitación da rúa para abrila de forma definitiva”.

Noticias relacionadas