A Alcaldesa inicia as conversas para materializar a súa proposta de converter en viveiro de empresas os locais comerciais da Tinería

Lara Méndez mantivo este venres unha xuntanza con José Manuel Balseiro, na que a rexedora insitiu na posibilidade dunha cesión de usos dos locais como opción prioritaria, "a mellor alternativa para os veciños e veciñas xa que non implica desembolso"

Venres, 24 de novembro de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A Alcaldesa inicia as conversas para materializar a súa proposta de converter en viveiro de empresas os locais comerciais da Tinería

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e o delegado territorial da Xunta de Galicia en Lugo, José Manuel Balseiro, mantiveron este venres unha xuntanza de traballo na Casa Consitorial para tentar chegar a un acordo que permita a cesión dos locais comerciais libres cos que conta o Insituto Galego de Vivenda e Solo, dependente da administración autonómica, no barrio da Tinería, ao Concello de Lugo, co obxectivo de dinamizar esta zona da cidade. A reunión prodúcese dous días despois de que Lara Méndez solicitara unha xuntanza co director do IGVS na que propoñerlle crear nestes locais comerciais un viveiro de empresas xestionado polo CEI-NODUS, co que se dinamizaría de xeito real o barrio, ben por adquisición directa ou por cesión de uso dos establecementos.  

Na reunión, á que tamén acudiron técnicos de ambas administracións, a rexedora insistiu na posibilidade dunha cesión de uso dos locais por parte da Xunta de Galicia como opción prioritaria, "a mellor alternativa para os veciños e veciñas de Lugo xa que non implica un desembolso, que xa fixemos todos os galegos e galegas para a súa rehabilitación". Esta opción de asinar un convenio de cesión entre a Administración autonómica e local é unha das propostas do Goberno de Lugo, xunto a de adxudicación directa ao Concello.

E nesta liña o Concello fará unha proposta oficial á Xunta de Galicia, tras remitir o pasado mércores unha petición de xuntanza ao IGVS, para trasladar a petición de obter os locais co obxecto de manter o uso público destes espazos que se atopan nun barrio emblemático, tal e como o definiu a rexedora, aumentando ademais os espazos para desenvolver a política pública do Centro de Empresas e Innovación do Concello.

Noticias relacionadas