A Alcaldesa sobre a aprobación definitiva dos Orzamentos 2018: “Hoxe gaña Lugo”

O Goberno saca adiante os presupostos municipais máis investidores da última década, de 95,3M€, que entrarán en vigor esta semana coa publicación no BOP

As contas contemplan, entre outras actuacións, un Plan de Barrios (2,5M€), presupostos participativos (400.000€), un novo modelo de mobilidade no casco histórico (300.000€), os ascensores de Fontiñas e Sagrado Corazón (500.000€), o centro sociocultral da Piringalla (1M€) e 9,3M€ para programas europeos

Lara Méndez explica na comparecencia sobre o novo modelo de buses urbanos que a súa implantación depende da posta en marcha dun novo Sistema de Axuda á Explotación (SAE), que garanta o control exhaustivo do servizo, pois o dispostivo que ten o Concello está obsoleto

Martes, 17 de abril de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Corporación municipal de Lugo tomou razón no Pleno extraordinario celebrado este martes da aprobación definitiva dos Orzamentos deste 2018, que, con 95,3M€, son os máis investidores da última década. “Hoxe gaña Lugo”, subliñou a Alcaldesa, Lara Méndez, tras o debate plenario, pois “o Concello, a cidade, e os veciños e veciñas van dispoñer xa de investimentos” grazas ás “gañas de xestionar e de traballar do equipo de Goberno”.

Méndez quixo poñer en valor “a importancia dos orzamentos, un instrumento fundamental para o bo desenvolvemento de toda Administración, pero sobre todo das locais, pois ao mellor outras administracións dispoñen doutras ferramentas, pero na municipal os presupostos son imprescindibles”.

Tanto a rexedora, como a Concelleira de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico, Ana Prieto, recalcaron que, aínda entrando en vigor no mes de maio, “formos quen de executar o 81% dos Orzamentos do 2016”, os anteriores aprobados, e o obxectivo deste 2018 será superar este xa alto nivel.                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                           

A aprobación definitiva do Orzamento prodúcese despois de resolver no Pleno as alegacións presentadas ás contas en función dos informes técnicos municipais, elaborados por Secretaría e Intervención. Deste xeito, acordouse, cos votos a favor do PSdeG e a abstención dos 5 grupos da oposición, inadmitir ou desestimar todas as alegacións, excepto unha, a correspondente á eliminación dos postos non ocupados e orzamentados na plantilla que non teñen reflexo na Relación de Postos de Traballo (RPT), que se admitiu cos votos a favor do PSdeG, PP e Ciudadanos, e a abstención de Lugonovo, BNG e ACE.

Tras o Pleno de hoxe, o Orzamento publicarase no Boletín Oficial da Provincia (BOP), previsiblemente mañá, e entrarán en vigor ao día seguinte.

Lugo conta deste xeito cun presuposto de 95,3M€, un 5% máis que o último aprobado –o de 2016-, e o máis inversor da última década, pois os capítulos de investimentos soben un 40%. Todo encamiñado a “materializar o noso modelo de cidade, coas persoas no centro de toda a acción municipal e baseado na dotación de servizos, a humanización de espazos e a mellora da mobilidade”, explicou a Alcaldesa. Ao mesmo tempo, o Goberno mantén o esforzo económico coas políticas sociais, que suman 23M€, o que supón o 24% do total do Orzamento.

Entre as actuacións contempladas nos presupostos coas que o Goberno materializará o seu modelo de cidade, destacan os seguintes:

  • Plan de Barrios: 2,5M€: un instrumento que permitirá atender mellor e de maneira máis áxil as necesidades e demandas veciñais, pero tamén cumprir moitos acordos adoptados pola Corporación no Pleno. Como exemplos das actuacións aprobada polos grupos municipais que incluirá o plan, figuran o acondicionamento das rúas Vila de Sarria, Calzada das Gándaras, Río Sar, García Portela e Carril dos Fornos.
  • Orzamentos Participativos: 400.000€. Abren unha canle directa entre a cidadanía e a Administración, reforzando deste xeito o Plan de Barrios coa dotación económica directa a propostas de colectivos, entidades ou persoas individuais.
  • Novo sistema de mobilidade e acceso ao casco histórico: 300.000€. Consistirá en cambios na organización do tráfico intra murallas para actualizala á realidade urbana actual de Lugo, así como para avanzar cara a peonalización completa do casco vello, poñer en valor o patrimonio e desincentivar o vehículo privado. Basearase en tres medidas: a substitución de bolardos por lectores de matrícula que identifican aos coches que teñen permiso de acceso, cambios nos itinerarios de entrada e saída, e reaxuste dos horarios de carga e descarga.
  • Accesibilidade: 560.000€. Esta partida inclúe a construcción dos ascensores nos barrios de Fontiñas (255.000€) e o Sagrado Corazón (250.000€), así como melloras no CEIP As Gándaras (60.000€).
  • Centro social da Piringalla: 1M€. O Orzamento do 2018 contempla a partida necesaria para rematar a construción do edificio para funcionar como centro sociocultural, o que salda unha débeda coa veciñanza e cumpre tamén un acordo plenario.
  • Ampliación e mellora de parques infantís: 190.000€. A partida servirá para ampliar o parque de Campo Castelo e cubrir o de Augas Férreas.

Outros dos proxectos destacados son a urbanización do entorno do novo CEIP do Sagrado Corazón (120.000€); un novo canil na rúa Serra de Ancares (60.000€) e a área pública de baño do Miño, cunha provisión de 250.000€ achegados pola Deputación de Lugo.

Fondos europeos: 9,3M€

O éxito do Goberno de Lara Méndez na captación de fondos europeos –máis de 22M€ en dous anos e medio- plásmase agora nos orzamentos contribuíndo a avanzar nun modelo de cidade máis inclusiva e accesible.

Dos 9,3M€ correspondentes a proxectos europeos que están recollidos no Orzamento do vindeiro ano, 8,2 están destinados a desenvolver a estratexia DUSI, Muramiñae, da Muralla ao Miño, (5,4M€ no Capítulo de Investimentos Reais e 2,8 no de Gastos Correntes). Este programa ten como obxectivo eliminar a discontinuidade urbana entre a cidade e o río e contempla actuacións como a peonalización da Calzada Romana, a reforma da Volta da Viña e a súa conexión co parque Marcos Cela, a pasarela peonil entre as marxes da N-VI e a recuperación do paso inferior da Nacional e súa desembocadura no Pazo de Feiras, así como accións formativas.

Para o programa Lugo, Smart City, o Orzamento recolle 823.000€, destinados a avanzar na implantación da Administración Electrónica e aproveitar as novas tecnoloxías para ofrecer un mellor servizo público á cidadanía, coa xestión intelixente, por exemplo, de aparcamentos en superficie, recollida do lixo, alumeado, consumo enerxético de edificios públicos ou contadores da auga.

O terceiro plan europeo con fondos no presuposto é o Lugo+Biodinámico, con 285.000€ de consignación, para continuar desenvolvendo unha estratexia de planificación urbana sostible e introducir en Lugo un novo modelo productivo baseado no uso da madeira como elemento estrutural de construción. Entre outras accións, prevé a creación dun edificio de madeira con consumo enerxético cero.

Dinamización do rural: 300.000€ para saneamento

O Orzamento 2018 destina 1,3M€ a investimentos no rural, como a dotación de alumeado, asfaltado e roza, e tamén ao saneamento, cunha partida de 300.000 euros, cumprindo coa palabra dada aos veciños de achegar o 30% que deberá completar a Xunta co 70% da achega, e poder dispoñer así de 1M€ ao ano para avanzar na dotación deste servizo.

Esforzo polas políticas sociais

Dos 23M€ destinados a políticas sociais, o investimento para Benestar Social ascende a 8,5M€, con servizos como axuda no fogar, os centros de convivencia, Fogar do Transeúnte, centros de día, Casa Domótica, Casa da Muller e emerxencia social; Cultura, con 5M€, con partidas para o contrato de atención dos museos, O Vello Cárcere, a Banda de Música, San Froilán e Arde Lvcvs; Educación, con 3,6M€, para, entre outros, escolas infantís, achega a Rof Codina, UNED e axudas a material escolar; Deportes, con 3M€, para a promoción do deporte e o mantemento e mellora de instalacións; e Emprego, con 3M€ para programas como o Inicia Coworking, obradoiros de emprego, Empregalia ou Mellora Lugo. Nesta última partida, o Goberno tamén inclúe a provisión necesaria para o aluguer dos locais comerciais da Tinería ao IGVS co fin de incorporalos ao CEI Nodus como viveiro de empresas e dinamizar deste xeito o barrio social e economicamente.

Novo modelo de bus urbano

No Pleno extraordinario deste martes tivo lugar tamén a comparecencia da Alcaldesa sobre o novo modelo de buses, durante a que explicou que a súa implantación está pendente da posta en marcha dun SAE (Sistema de Axuda á Explotación) que garanta o control de todos os ítems do servizo de transporte de viaxeiros –quilómetros percorridos, viaxeiros por bus, atrasos das liñas, situación real de cada autobús...- co fin de que “non se perda nin un só euro do diñeiro público”. Ao non ter esta ferramenta, “non podemos implantar as novas liñas, xa que non teriamos o 100% de opcións de saber se se cumpriu o novo trazado ou non”, cando ademais “temos a obriga de dotar ao responsable do contrato de todas as garantías para que se poida certificar o servizo”.

Tras constatar que o SAE do que dispón o Concello, de máis de dez anos de antigüidade, está obsoleto, procedeuse a intentar actualizalo, obriga que lle correspondente á empresa concesionaria, que entón propuxo poñer a disposición do Concello un sistema de último modelo que ofreza todos os parámetros necesarios e que ao final da adxudicación sexa municipal. Neste momentos, estanse a manter reunións entre os técnicos da empresa e do Concello para determinar se ese SAE novo proposto por Monbus cumpre un a un todos os parámetros esixidos no prego.

A Alcaldesa enmarcou a súa comparecencia, solicitada polo BNG, na súa vontade de mellorar a información e facilitar a comprensión do contrato de buses, “un tema, como mínimo complexo”, con independencia, en calquera caso, de que “calquera, pola súa condición de concelleiro, pode acadar toda a información nos documentos que obran no expediente”.

Noticias relacionadas