A Alcaldesa subliña o “esforzo, traballo e ilusión” que permitiron á Escola de Relacións Laborais cumprir 20 anos

Lara Méndez destacou o “papel fundamental” que xoga o centro universitario no Campus Terra, na cidade e para o conxunto da sociedade durante a inauguración dos actos conmemorativos do aniversario da escola

Martes, 26 de abril de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A Alcaldesa subliña o “esforzo, traballo e ilusión” que permitiron á Escola de Relacións Laborais cumprir 20 anos

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, participou este martes na inauguración dos actos conmemorativos do 20 aniversario da Escola Universitaria de Relacións Laborais, “un día de felicitacións e de reencontros entre profesores e exprofesores, alumnos e exalumnos cun vínculo común, un proxecto de vinte anos construídos a base de esforzo, traballo e ilusión, tres variables sen as que isto non sería posible, sobre todo cando non hai recursos”.

Nun salón de actos repleto, a rexedora recoñeceu o “gran labor” desenvolvido pola dirección do centro e pola comunidade educativa nestes vinte anos de historia, así como o “papel fundamental” que xoga a Escola no Campus Terra, na cidade e para o conxunto da sociedade. “O coñecemento é imprescindible para avanzar como sociedade, pero tamén a actitude persoal e o clima no que se desenvolve o traballo, onde pasamos gran parte da nosa vida”, asegurou.

A Alcaldesa puxo á Escola de Relacións Laborais como exemplo do éxito da colaboración público privada, dado que para o seu mantemento se implican tanto institucións como empresas. “Temos que seguir apostando polo coñecemento, o mellor patrimonio que podemos ter”, engadiu Lara Méndez, quen desexou outros 20 anos de “traballo, esforzo e ilusión” á comunidade educativa do centro universitario para continuar cunha labor “que beneficia ao conxunto da cidadanía”.

No acto de hoxe participaron tamén a directora da Escola Universitaria de Relacións Laborais, Mercedes Montes; o Presidente da Deputación, Darío Campos; a delegada da Xunta en Lugo, Raquel Arias; a secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca; e o subdelegado do Goberno, Ramón Carballo, entre outras autoridades e representantes do tecido empresarial da provincia.

Noticias relacionadas