Concello, Deputación e asociacións da provincia celebran o mércores o Día Mundial do Alzhéimer

Lara Méndez e Darío Campos presentaron, xunto á Presidenta de AFALU e técnicos de AFA, as actividades organizadas na cidade para concienciar e reivindicar a implicación das administracións na investigación desta doenza

Dende as 17:30 horas do mércores, o centro da capital e o Pazo Provincial acollerá maxia, unha conferencia informativa, un documental e a proxección de Arrugas

Concello e Deputación suman esforzos cos colectivos de alzhéimer da provincia: AFALU, AFA Chantada, AFA Monforte e AFA Viveiro, que estarán o mércores

Luns, 19 de setembro de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Concello, Deputación e asociacións da provincia celebran o mércores o Día Mundial do Alzhéimer

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, o Presidente da Deputación, Darío Campos, o Deputado de Benestar, Álvaro Santos, e a Presidenta de AFALU, Carmen Pena, xunto a técnicos de AFA, presentaron as actividades que teñen organizadas conxuntamente na cidade luguesa para o mércores con motivo da celebración do Día Mundial do Alzhéimer.

No acto, a Alcaldesa chamou á participación dos lucenses nas actividades que se realizarán o vindeiro mércores pola visualización do Alzhéimer, a primeira causa de demencia no mundo en persoas de máis de 65 anos, que afecta a unhas 600.000 persoas en España. “Para que algo sexa solucionado, ten que ser comprendido”, asegurou a rexedora, quen lembrou que se trata dunha doenza que, non só afecta ao diagnosticado, senón tamén ao entorno familiar. “A concienciación e visibilización da sociedade é imprescindible. Só así conseguiremos comprendela e que dende o público se invista en solucións. Porque o Alzhéimer pode chegar a ter cura e por iso non hai que escatimar nin en esforzos nin en recursos”, como a posta en marcha de centros especializados, investigación ou asistencia sanitaria, subliñou Méndez.

Campos Conde subliñou que “na provincia hai ao redor de 10.000 persoas que hoxe sofren esta enfermidade. O maior factor de risco para padecer Alzheimer é a idade. Se temos en conta a taxa de envellecemento da nosa provincia, en Lugo todo fai indicar que os casos irán a mais”. O Presidente sinalou a necesidade de apoiar dende as administracións públicas ás familias que padecen esta enfermidade con investimentos para o seu coidado, para investigación ou para a concienciación da cidadanía. “Quero por en valor o traballo dos coidadores, que habitúan ser os familiares e, especialmente, as mulleres, que deixan os seus oficios para adicar todo o seu tempo na imprescindible e especial atención destas persoas”, remarcou.

Lara Méndez e Darío Campos destacaron a colaboración de Concello e Deputación de Lugo coas AFALU, AFA Chantada, AFA Monforte e AFA Viveiro, que son todos os colectivos de Alhzeimer que hai na provincia luguesa, con investimentos directos de 50.000 euros entre ambas as dúas institucións, entre outras actuacións.

Programación de actividades
Ás 17:30 horas.- Animación de maxia e mesas informativas sobre o alzheimer na Praza de San Marcos e arredores.
Ás 18:00 horas.-Presentación na Praza de San Marcos do vídeo realizado pola TIC sobre a enfermidade.
De 18:15 a 19:00 horas.- Conferencia Alimentación en la Enfermedad de Alzheimer no salón de actos da Deputación.
19:00 horas.-Actuación de maxia na sala de exposicións da Deputación dos magos Antón e David Méndez.
Ás 20:00 horas.- Proxección da película Arrugas na sala de exposicións da Deputación. A longametraxe, do director Ignacio Ferreras, foi gañadora de 2 premios Goya, a mellor película de animación e mellor guión adaptado.

Ao longo da mañá do mércores, no Museo Pazo de Tor tamén se realizará o Álbum de memoria compartida, unha actividade da Rede Museística Provincial, na que se traballa a fotografía con enfermos de alzheimer.

Alzhéimer
O Alzhéimer caracterízase principalmente pola aparición lenta de síntomas que evolucionan ao longo dos anos. Trátase dunha enfermidade dexenerativa das células cerebrais, as neuronas, de carácter progresivo e de orixe hoxe aínda descoñecido.Inicialmente prodúcese perda de memoria e desorientación temporal espacial. Nunha segunda fase, o enfermo perde fluidez na linguaxe, ten dificultades para vestirse e necesita axuda constante para realizar actividades cotiás. Na fase avanzada, a incapacidade é profunda e non se pode valer por si só. A súa personalidade experimenta alteracións irreversibles, deixa de falar, non recoñece aos seus achegados e presenta incontinencia urinaria e fecal. Así mesmo, aumenta a rixidez muscular, de maneira que vai quedando progresivamente recluído a unha cadeira de rodas e despois á cama. Ademais, aparecen outras complicacións como ansiedade, angustia, agresividade ou depresión.

O único diagnóstico totalmente seguro é a biopsia cerebral. Con todo, en raras ocasións chégase a efectuar, xa que por medio doutras técnicas, como as derivacións da neuroimaxe (TAC cerebral, resonancia magnética cerebral, spect, pet), xunto con electroencefalograma, analítica sanguínea e, sobre todo, entrevista clínica chégase a un diagnóstico moi aproximado.

Noticias relacionadas