Concello e Deputación de Lugo súmanse, unha vez máis, ao Día Mundial de Concienciación do Autismo

Lara Méndez, Ana Abelleira, Álvaro Santos, Sonsoles López e outros membors da Corporación asistiron, no Vello Cárcere, á lectura do manifesto, a cargo de Lois Pérez

Unha mesa informativa, actuacións de baile ou a creación dun infinito humano, símbolo da campaña I ∞ autismo, entre as actividades conmemorativas deste día

Martes, 02 de abril de 2019
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Concello e Deputación de Lugo súmanse, unha vez máis, ao Día Mundial de Concienciación do Autismo

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, a Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Inclusión, Ana Abelleira, xunto ao Deputado de Relacións Institucionais, Álvaro Santos, e a Deputada de Promoción Económica e Social, Sonsoles López, acompañadados doutros membros da Corporación Municipal; sumáronse este martes aos actos organizados pola Asociación Raiolas con motivo do Día Mundial de Concienciación do Autismo, que se conmemora cada 2 de abril. Ao longo de toda a xornada, realizáronse actividades no Vello Cárcere e na Praza Maior, co fin de dar visibilidade a este colectivo social e ás persoas que padecen o Trastorno do Espectro Autista, un trastorno neurobiolóxico, que afecta a preto de 27.000 persoas na Comunidade Galega, segundo a Asociación de Autismo de Galicia.

Méndez e Santos puxeron en valor o traballo que realizan os colectivos sociais que atenden ás persoas con TEA en Lugo e na provincia, pois a través da Asociación Raiolas e Capaces Lugo, mellórase a súa calidade de vida. Ambos colectivos, que atenden a un total de 108 usuarios de Lugo e da contorna, traballan para acadar a plena integración familiar e social das persoas que padecen este trastorno.

Con motivo do Día Mundial de Concienciación do Autismo, a Asociación Raiolas, organiza diferentes actos ao longo de todo o día co fin de dar visibilidade ás persoas con autismo. Pola mañá, no Vello Cárcere, realizouse a lectura dun manifesto, a cargo do poeta e dramaturgo, Lois Pérez, e presentouse unha exposición de arte, realizada por varios artistas lucenses que cederon as súas obras, con fins benéficos. Esta mostra permanecerá exposta ata o 30 de abril no Vello Cárcere.

Pola tarde, na Praza Maior, terá lugar unha mesa informativa, un photocall e unha actuación de baile a cargo da Escola Star Dance. Ademais, este ano, dende a Asociación Autismo Europa, levouse a cabo, a campaña de concienciación I ∞ autismo. Unha dinámica nova para o autismo, que pretende visibilizar a realidade e necesidades das persoas con TEA. Este lema trata de fomentar a idea dunha sociedade máis inclusiva, promovendo ao mesmo tempo, un achegamento do autismo, a través dunha ollada diferente. Neste senso, a cidade de Lugo, sumouse a esta iniciativa, na que a programación continuaba cun taller de elaboración do símbolo infinito, signo que representa esta campaña e remataba coa realización dunha fotografía aérea dun infinito humano creado por veciñas e veciños de Lugo.

Noticias relacionadas