Concello e Deputación entregan no I.E.S Ánxel Fole 500 Axendas pola Igualdade

Na axenda recóllese unha pequena biografía das mulleres que compoñen o rueiro da cidade amurallada  co fin de dalas a coñecer entre os máis novos

Lara Méndez destacou que “tanto as administracións como a cidadanía temos a obriga de seguir loitando para conseguir o que tantas mulleres e homes ansiamos, unha igualdade de pleno dereito”

Álvaro Santos subliñou que “con esta iniciativa, fomentamos e reivindicamos a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres, ao tempo que damos visibilidade a este problema”

Mércores, 19 de outubro de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Concello e Deputación entregan no I.E.S Anxel Fole 500 Axendas pola Igualdade

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e o  Vicepresidente e Deputado de Igualdade, Álvaro Santos Ramos, entregaron este mércores 500 axendas pola igualdade elaboradas e editadas polos estudantes do I.E.S Ánxel Fole coa colaboración de Concello e Deputación de Lugo. Nela recóllese unha pequena biografía da vintena de mulleres que compoñen o rueiro da cidade da muralla para dar a coñecer estes perfís entre os máis novos.

No acto, no que estiveron acompañados por ducias de estudantes, tamén participaron a Directora do I.E.S, Beatriz Fernández Fernández, os coordinadores e editores da axenda,  Felisa Redondo Valíne Miguel Ángel Martínez Quintanar; así como a Profesora da USC e escritora, Carmen Blanco García, que nesta edición é a protagonista da entrevista principal desta publicación.

Lara Méndez ensalzou o traballo realizado polos alumnos e alumnas que deseñaron esta Axenda pola Igualdade, ao tempo que fixo fincapé an importancia da educación para conseguir a tan necesaria igualdade real e efectiva en todos os ámbitos. Así mesmo, quixo lembrar á vintena de mulleres, ás que máis que merecidamente se lles deu nome nas diferentes rúas de Lugo e ás que se lles rende homenaxe nesta axenda, polo traballo que realizaron para conseguir avances sociais en materia de igualdade.

Nesta liña, a rexedora reivindicou que “tanto as administracións como a cidadanía temos a obriga de seguir loitando para conseguir o que tantas mulleres e homes ansiamos, unha igualdade de pleno dereito. Porque a igualdade, que é un valor esencial dunha sociedade democrática, é cousa de todos e todas”.

Para rematar, Méndez insistiu en que a sociedade non pode renunciar a todo o que a muller achegou, achega e achegará tanto na defensa do benestar e no emprego, así como na loita de igualdade de oportunidades e a non discriminación.”

Álvaro Santos subliñou que “a través desta axenda, fomentamos e reivindicamos a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres, ao tempo que damos visibilidade a este problema”. O Vicepresidente recalcou que “grazas ao compromiso dos mozos e mozas do Ánxel Fole, dáse a coñecer a vida e obra de ducias de mulleres que participaron ou participan activamente no devir da historia non só da provincia, senón de todo o país”.  

Carmen Blanco, protagonista da Axenda 2016

Neste ano, os estudantes do Ánxel Fole escolleron a Carmen Blanco para achegarlle á xente a visión feminista que se desprende da súa vida e obra. Blanco é autora de grandes ensaios sobre a liberdade das mulleres e dos homes fronte a todos os poderes que non o permiten. Deste xeito, sobresaen títulos como Atracción total, Un mundo de mulleres ou Lobo Amor.Blanco reivindica o papel da muller, pero tamén dos homes, en todos os avances logrados nos de dereitos e liberdades das persoas.

Reivindicando o papel da muller

Grazas a esta iniciativa, centos de mozos e mozas poderán coñecer de preto a importancia da figura da muller no transcorrer da historia do país. Entre as mulleres que se recoñecen nesta publicación destacan Sofía Casanova, escritora e a primeira xornalista de guerra; Paz Parada Pumar, a primeira muller médico inscrita no colexio de médicos; Olimpia Valencia, a primeira muller en licenciarse en medicina en Galicia; María Castaña, que encabezou unha das revoltas contra os altos impostos que o bispo de Lugo cobraba ao pobo; Concepción Arenal, unha das escritoras e feministas máis importantes do S.XX; Enriqueta Otero, mestra antifranquista condenada a case 20 anos de cárcere; ou Concepción Saiz Otero, sempre comprometida pola integración da muller na sociedade en condicións de igualdade co home; entre outras.

Noticias relacionadas