Éxito da xornada de portas abertas nos locais comercias da Tinería que aluga o Concello: participan unhas cen persoas

Ante a demanda dos propios interesados, o Goberno decidiu abrir de novo os inmobles o vindeiro martes, de 16.00 a 20.00 horas

A Alcaldesa mostrouse moi satisfeita pola boa acollida da iniciativa, que demostra “as nosas ganas de xestionar” e pretende “dinamizar social e economicamente o barrio de maneira eficaz e controlada”

As persoas interesadas poderán presentar a solicitude ata o día 12 de xullo

Xoves, 21 de xuño de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Éxito da xornada de portas abertas nos locais comercias da Tinería que aluga o Concello: participan unhas cen persoas

A xornada de portas abertas nos 9 locais comerciais que o Concello ten en aluguer na Tinería celebrada hoxe demostrou que esta iniciativa do Concello, de poñer en marcha un viveiro de empresas a pé de rúa para dinamizar social e economicamente o barrio, desatou un forte interese e expectación, pois unhas cen persoas participaron na visita aos inmobles. Ademais, ante a demanda dos propios interesados, a entidade local organizou unha segunda xornada para coñecer os locais. Será o martes, entre as 16.00 e as 20.00 horas.

A Alcaldesa, Lara Méndez, que percorreu esta mañá os 9 locais en aluguer xunto coas persoas que participaron na visita e técnicos municipais do CEI Nodus, mostrouse moi satisfeita polo éxito da xornada e a boa acollida da iniciativa do Goberno, que demostra “as nosas ganas de xestionar” e coa que “buscamos dinamizar social e economicamente o barrio de maneira eficaz e controlada”, o contrario da vontade inicial da Xunta con estes inmobles, que pretendía poñer a través dunha poxa en mans privadas, “sen saber se realmente se ían abrir ao público, e de facelo, cando e con que uso”.

A elevada participación na xornada de portas abertas tomba os malos augurios do Partido Popular, que nun novo intento de desvirtuar toda iniciativa positiva para a cidade buscando sacar a toda costa réditos electorais, chegou a dicir que o barrio ía quedar baleiro, expresando un desexo máis que unha realidade.

Prazos

As persoas interesadas poden presentar a solicitude de aluguer ata o vindeiro 12 de xullo. Logo unha comisión fará a valoración dos proxectos e resolverá a adxudicación, co que Lara Méndez estima que a entrega das chaves poderá producirse despois do verán. O inicio da actividade dependerá de cada beneficiario, das obras e acondicionamento que queira facer no inmoble, aínda que non será superior aos catro meses contados a partir da entrega do local. Neste senso, ante as dúbidas mostradas tanto polo PP como por Lugonovo acerca dos prazos para a concesión de licenzas, os técnicos municipais de Desenvolvemento Local, encargados deste proxecto, quixeron subliñar que, polo xeral son obras menores, e ademais, tal e como figura nas propias bases, os adxudicatarios contarán co acompañamento dun técnico municipal de Urbanismo para a presentación correcta da documentación requirida, o que axilizará os prazos.

A cesión será en réxime de aluguer por un período de catro anos (contados dende a resolución definitiva e a entrega das chaves), con opción a prórroga, e a renda será do 20% do que lle custa ao Concello o arrendamento dos locais ao IGVS. Deste xeito, a entidade local achega o 80% restante. Os importes oscilan entre os 10€ ao mes do inmoble con menor superficie aos 72€ do máis grande (IVE incluído).

As persoas ou entidades adxudicatarias asumirán o acondicionamento dos locais, que a día de hoxe están tal e como os entregou ao Concello a Xunta de Galicia.

Os beneficiarios poderán ser persoas físicas ou xurídicas que queiran desenvolver unha actividade: comercial, de oficinas e administrativa, educativa, docente e cultural, asistencial, deportiva, sanitaria ou artesá. A Ordenanza de Burgos Medievais permite usos máis amplos nesta zona, pero o Goberno decidiu limitalos a estes porque son os que máis poden dinamizar e poñer en valor o barrio.

Será requisito indispensable presentar un plan de empresa e unha memoria valorada economicamente, na que se describa a actividade a implantar e a data prevista para poñela en marcha (non superior aos 4 meses despois da entrega do local). Os arrendatarios contarán co acompañamento dun técnico municipal de Urbanismo para axilizar a tramitación dos proxectos.

O procedemento de adxudicación será por concorrencia competitiva, e conforme aos principios de publicidade, transparencia, obxectividade e igualdade.

Criterios de valoración

As bases establecen criterios de valoración cuantitativos e cualitativos.

Os cualitativos son en función do tipo de empresas:

  • Empresas de mercado: empresario individual, sociedade anónima e sociedade limitada: 2 puntos
  • Empresas de economía social: sociedade cooperativa, sociedade limitada laboral, fundacións e asociacións con fins comerciais: 4 puntos
  • Proxectos empresariais que procedan de viveiros de empresas, coworkings, etc.: 1 punto, que poderá acumularse aos anteriores

Os cuantitativos puntuaranse cun máximo 5 puntos, distribuídos do seguinte xeito:

  • Adecuación da actividade proposta ás características do local: ata 2 puntos
  • Dinamización comercial e xeración de afluencia de público ao barrio: ata 3 puntos

No  caso de que dúas ou máis solicitudes acaben  igualadas en puntuación para un mesmo local, a orde de adxudicación establecerase por sorteo público. A súa  convocatoria será anunciada no Taboleiro de Anuncios e na páxina web do Concello  con 24 horas de antelación.        

As solicitudes serán valoradas por un comité técnico composto por seis persoas:

  • 3 vogais nomeados polo Concello (un técnico de Urbanismo e dous do CEI Nodus)
  • 1 vogal nomeado pola Federación Galega de Comercio
  • 1 vogal nomeado pola CEL
  • Secretaría (secretario ou vicesecretaria do Concello)

Para maior información, o anuncio da convocatoria, ademais de no BOP, publicouse na web do Concello (www.lugo.gal) e no Taboleiro de Anuncios municipal. As solicitudes están dispoñibles, ademais de na web, nas oficinas de Atención ao Cidadán.

A resolución definitiva de adxudicatarios incluirá unha lista numerada de reservas para a ocupación dos locais (para o caso de renuncias ou incumprimentos). Será publicada no Teboleiro de Anuncios e na web municipal.

Audio

  • Lara Méndez, sobre a xornada de portas abertas | Descargar mp3

Multimedia

  • Éxito da xornada de portas abertas nos locais comercias da Tinería que aluga o Concello: participan unhas cen persoas
  • Éxito da xornada de portas abertas nos locais comercias da Tinería que aluga o Concello: participan unhas cen persoas

Noticias relacionadas