Lara Méndez coñece da man dos alumnos do CEI Nodus a labor de dixitalización das actas municipais do século XVIII

A un mes do final do obradoiro AtriumTIC foron xa dixitalizados 70.000 arquivos dos libros de actas e máis de 60.000 expedientes do cemiterio e do servizo de estatística

A alcaldesa, acompañada do concelleiro de Desenvolvemento Local e Emprego, destacou a importancia desta formación para axudar á inserción laboral da mocidade

Xoves, 06 de febreiro de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez coñece da man dos alumnos do CEI Nodus a labor de dixitalización das actas municipais do século XVIII

Máis de 70.000 arquivos dos libros de actas do Concello de Lugo do século XVIII e máis de 65.000 expedientes do cemiterio municipal e do servizo de estatística foron xa dixitalizados polo alumnado do obradoiro AtriumTIC, que desenvolve o Centro de Emprendemento municipal e que hoxe puideron contarlle a súa experiencia en primeira persoa á alcaldesa de Lugo, Lara Méndez.

A rexedora, acompañada polo concelleiro de Desenvolvemento Local e Emprego, Mauricio Repetto, falou cos 16 mozos e mozas, desempregados de 16 a 29 anos de idade, que se están formando en materia de dixitalización de arquivos grazas a ese obradoiro, “que vos axudará na vosa inserción no mundo laboral e nun sector que está moi en auxe”, segundo comentou Lara Méndez.

Profesorado e alumnado comentaron o coidado co que manexan a documentación, especialmente a máis antiga, xa que as actas consistoriais, do fondo histórico do Concello de Lugo, datan dos anos 1728 a 1800. Son fonte imprescindible para a reconstrución dos diversos aspectos da vida da cidade xa que recollen as decisións e actuacións dos cargos municipais da época.
 
Méndez destacou a importancia de implementar o uso das TIC nos procesos de xestión documental no marco dos traballos de transformación da administración local cara a unha E-Administración. “A finalidade é preservar e xestionar ditos fondos para axilizar o acceso á documentación, alcanzando procesos de traballo máis eficientes e cun menor custo”, explicoulle aos alumnos. Por iso, ”este tipo de accións son boas para nós, e para vós, porque este traballo non só vos axuda na vosa formación e empregabilidade senón que tamén vos servirá como carta de presentación”.

No caso do Cemiterio, trátase de expedientes referidos á creación do cemiterio municipal de San Froilán e a súa xestión. A rexedora incidiu na importancia do cemiterio “no que levamos anos impulsando actividades de tipo cultural, social e mesmo divulgativas orientadas á súa integración na vida social da cidade e á súa reivindicación como parte fundamental da memoria histórica e do patrimonio artístico”. De feito, no 2017 foi recoñecido por ofrecer as mellores actividades de portas abertas en cemiterios de España.
 
Mauricio Repetto resaltou que o orzamento do obradoiro, de seis meses de duración e que conta cunha subvención do Goberno galego, ascende a 180.000 euros. O obradoiro, que rematará nun mes, está xa na súa fase final.
 
“Non é esta a primeira iniciativa de dixitalización que desenvolvemos xa que o Concello de Lugo leva anos promovendo a utilización das novas tecnoloxías en xestión patrimonial coa finalidade de difundir dunha forma xeneralizada a toda a cidadanía o acceso ao patrimonio histórico da cidade. Entre estas actuacións se enmarcaron os traballos de dixitalización de parte do fondo documental de carácter histórico do Concello ou a colección fotográfica do arquivo municipal”, lembrou.

Noticias relacionadas