Lara Méndez lamenta que Lugo e as súas necesidades “nunca estiveran na axenda de Feijóo durante os 13 anos do seu mandato”

A alcaldesa lembra que o Concello dedica máis do 33% do seu orzamento municipal a atender as competencias da Xunta en Servizos Sociais, Educación, Emprego e Industria.

A rexedora destacou o “nutrido saldo de proxectos incumpridos que definen o legado do ex presidente autonómico” e agarda “maiores garantías” dos anuncios que faga o seu sucesor.

“Prometeunos e non cumpriu atender a demanda do Museo da Romanización e sumarse á Estratexia municipal de 12 millóns de euros do Lugo Transforma, para atraer novas industrias”, afirmou Méndez.

Luns, 02 de maio de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez lamenta que Lugo e as súas necesidades “nunca estiveran na axenda de Feijóo durante os 13 anos do seu mandato”

A alcaldesa, Lara Méndez, realizou hoxe un balance do paso do xa ex presidente Núñez Feijóo pola Xunta de Galicia.

“Un mandato ruinoso para con Lugo, que deixa as mesmas expectativas de hai unha década no municipio e que se traduce en que dos 54 millóns de euros anunciados, só están en marcha algunhas das actuacións previstas na Residencia, en obras dende o ano 2019”.

Así, a rexedora sinalou algunhas das débedas históricas que aínda perviven na capital como a Rolda Leste, o Plan Paradai ou o Museo da Romanización, “mostra – dixo – do déficit de compromisos que o señor Núñez Feijoo mantén na nosa cidade á súa marcha”.

Lara Méndez aproveitou tamén para instar ao seu sucesor “a compensar eses agravios e a acompañar os próximos anuncios que faga de consignación oficial – o único que pode garantilos - e non só de postas en escena, que é ao que nos teñen acostumados”.

“Xa é hora de que os lucenses teñamos un presidente de Galicia que cumpra coa palabra dada á veciñanza e que sexa capaz non só de finalizar eses proxectos que levan lustros xestándose, senón tamén de iniciar aqueloutros que se fan imprescindibles tendo en conta o actual contexto socioeconómico derivado da pandemia”, sostivo Lara Méndez.

Neste senso, a rexedora aproveitou, alén, para convidar a Alfonso Rueda a facer un maior esforzo nas competencias propias, “xa que nestes anos de crise fomos os Concellos os que, xunto á factura COVID, as estivemos asumir practicamente en soidade e ás bravas”, sinalou e puxo como exemplo os máis de 13 millóns de euros que a Institución local inviste cada ano en Servizos Sociais, entre eles o 1.300.000 € que destinamos ás escolas infantís ou o preto dun millón de euros para pagar os 9 comedores escolares”, lamentou Lara Méndez.

“Unha inacción nas súas competencias que se traslada igualmente ao impulso económico de Lugo cunha absoluta falta de implicación que se agrava aínda máis agora, xa que dende o Concello estamos a afrontar en solitario, e insisto, sen ter competencias, a recuperación económica da cidade e dos seus sectores produtivos. Fronte a un Feijóo ausente en Lugo, estamos a mobilizar 20 millóns de euros nesta reactivación a través do apoio ao comercio de barrio, a formación para fomentar a empregabilidade da nosa veciñanza, de acompañamento na orientación laboral e na reindustrialización de Lugo a través dun fondo de capital para atraer empresas e crear postos de traballo alén de impulsar a Mesa da Diversificación Industrial”, afirmou.

Á vista dos feitos, a rexedora cualificou de lamentable que “mentres o PP local non soamente non defendeu nunca os intereses de Lugo ante Feijóo, agora se permita criticar unhas contas municipais nas que o gasto corrente se incrementou, precisamente, para poder paliar as consecuencias da crise, suplindo os menosprezos da Xunta incluso naquelas materias que lles corresponden. Cartos que, de non ter que destinar a estes fins, nos poderían servir para ampliar as prestacións municipais ou proxectar iniciativas novas”.

Pola contra, Méndez repasou a herdanza que, “un tras outro”, van deixando os dirixentes do Partido Popular na cidade, “onde acumulamos 20 anos de paralización do Plan Paradai e outros tantos - se non fora pola mobilización que estamos realizando dende a Institución local, tratando de acadar vías alternativas de financiación - os que levamos agardando tamén polo Museo da Romanización de Galicia no Cuartel de San Fernando, que ía contar con 10 millóns da Xunta e, logo de gastar 221.607 euros en 2009 para elaborar o proxecto, non recibimos un euro máis”.

A alcaldesa lucense recordou, así mesmo, a Rolda Leste, “máis de dez anos paralizada, porque foi o propio Feijóo quen meteu a licitación nun caixón, no 2009. As partidas que se lle foron asignando a esta infraestrutura - vital para a mobilidade na cidade – parecían o Guadiana, entrando e saíndo dos orzamentos con cantidades pírricas de 300.000 euros para unha obra para a que se anunciaron 22 millóns - agora xa 19 - e cuxa finalización se adía máis alá do 2025”.

“En 13 anos, o señor Núñez Feijoo non foi quen de inaugurar nada en Lugo. O único que podería asinar como seu sería o novo Auditorio, un inmoble que entregou nun estado tan deficitario que nos obrigou ao Concello a ter que realizar unha posta a punto previa á súa apertura para que esta sexa segura. Un magnifico legado do que agora toma as rendas Alfonso Rueda, veremos se con capacidade para emendalo”, concluíu a alcaldesa.

Audio

  • A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre o balance do mandato de Feijóo | Descargar mp3

Noticias relacionadas