Lugo acolle un congreso internacional que lles dá voz e visibilidade aos emigrantes e refuxiados en Europa

A Alcaldesa participou na inauguración deste foro, organizado pola UNED e a USC, no que se dan cita 130 participantes ademais dun destacado elenco de relatores de prestixio

Mércores, 26 de outubro de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lugo acolle un congreso internacional que da voz e visibilidade aos emigrantes e refuxiados en Europa

Lugo acolle entre hoxe e o venres un congreso internacional que busca darlles voz e visibilidade aos emigrantes e refuxiados en Europa. Á inauguración deste foro, organizado pola UNED e a USC na Facultade de Humanidades, e no que se dan cita 130 participantes ademais dun destacado elenco de relatores de prestixio, acudiu esta mañá a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez.

No acto, ao que tamén asisitu o Vicerreitor de Coordinación do campus, Javier Bueno, a Decana da Facultade de Humanidades, María Isabel González, a Deputada de Cultura, Pilar García, o Conselleiro en funcións de Política Social, José Manuel Rey, e as presidentas do comité organizador, María Dolores Fernández e María Pilar Quicios, a rexedora fixo unha chamada á implicación da sociedade para dar resposta á problemática que están a vivir os máis de 65 millóns de persoas que se desprazan de xeito forzoso por mor de conflictos bélicos, sendo un 51% menores de 18 anos. Así mesmo, incidiu neste congreso como un método de acadar información específica axeitada para achegar solucións a esta problemática internacional, solucións que pasan por un esforzo de toda a cidadanía, intervindo as institucións tanto dende o ámbito local ata o internacional. Neste punto a rexedora salientou o carácter de acollida do Concello, que puxo a disposición dous pisos de emerxencia social e o albergue municipal para refuxiados, sendo Lugo cidade acolledora de refuxiados, declarada por unanimidade da Corporación a finais do pasado ano.

Antes de rematar, a Alcaldesa quixo facer fincapé no labor dos voluntarios e ONGs para atender aos refuxiados, ao tempo que convidou aos congresistas a descubrir a cidade.

Noticias relacionadas